Dereito á información

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A NOTICIA da morte de Napoleón en Santa Elena (1821) tardou semanas en chegar a París, e algúns contemporáneos seus, vellos soldados que fixeran ao seu carón as guerras de Europa, morreron sen enteirarse nunca do seu pasamento, pensando que o Emperador vivía, e mesmo que volvería outra vez. Tódolos grupos humanos necesitan crer nalgo. Os vencedores, na victoria. Os vencidos, na posibilidade de recuperar o que perderon. En calquera caso, a información é fundamental. «Non importa como son as cousas», dille o Coello a Alicia na novela de Lewis Carroll, «o importante é saber quén é o dono das palabras». Hai case dous mil catrocentos anos, Artistóteles advertía aos seus discípulos que a realidade, a efectos sociais, é sobre todo aparencia (somos o que parecemos). Por iso é tan importante o control da información. Por iso o Poder ansía controlala sempre. Quen administra o discurso administra a realidade (e a vida), e para comprender a realidade é fundamental ter noticia do que acontece. A gran revolución democrática parte dun principio esencial: a información é un dereito da cidadanía (e do invididuo), non unha propiedade privada: nin do poder, nin das empresas periodísticas, nin dos xornalistas. Os xornalistas xestionamos información, co compromiso e o deber democrático de ofrecela ordenadamente ás audiencias (os cidadáns). O cambio político destes días ten moito que ver con isto. Ocultar información, disimulala, retrasala, significa privar aos cidadáns dese dereito básico, esencial á vida democrática. E os cidadáns sábeno. Non sempre o perciben da mesma maneira. Pero sábeno. Cando o 23-F, no ano 81, a democracia salvárona os transistores, aquela noite terrible, cos deputados secuestrados no Congreso e os tanques nas rúas de Valencia, que os meus alumnos da Facultade de Xornalismo non viviron, porque algúns aínda nin naceran. Anos despois, cando o Prestige , a información, xestionada dende a liberdade e a pluralidade das empresas, foi un factor fundamental, tanto para a reacción dos cidadáns nas praias como para a movilización masiva da solidaridade de España toda, que nos acudíu e consolou. O mesmo ocurriu desta vez. A sociedade democrática exprésase dende a liberdade e dende a pluralidade. Jean Cloutier, teórico canadiano, salienta un novo elemento a considerar, o que el denomina self-media (a tecnoloxía doméstica da comunicación): móbiles, cámaras dixitais, grabadoras unipersonais, correo electrónico... A través das redes (Internet) o individuo actúa, non só as grandes máquinas ou organizacións mediáticas. O individuo entra activamente no sistema, dende si mesmo, dende a súa liberdade soberana. As movilizacións do 12 e 13 de marzo (movilización física e movilización de opinión) activáronse principalmente con este modelo, que é novo e introduce, repito, novas fórmulas de expresión e de relación. Velaquí a súa forza. Vivimos unha nova era, que xa está aquí. En tempo real, por riba das distancias todas, a noticia corre coma un rego de pólvora, ou mellor: coma unha labarada luminosa, imposible de parar. Internet é a gran metáfora, que asusta a uns e seduce a todos. Nunca o mundo foi tan pequeno, tan apretado na man. Cando a finais do século XV aparece a imprenta (os tipos móbiles de Gutenberg), os Reis Católicos dan orde de que circule libremente o novo invento, símbolo das novas luces. Dez anos despois, asinan a orde contraria, presionados pola Inquisición, asustados polo abanqueiro de liberdade que os rebordaba. Pero o mundo xa non tiña marcha atrás. Nesa tensión estamos.