A outra cousa

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

TODO vai ser, por catro anos, outra cousa, porque outras van ser as maneiras. Só isto é xa moi importante. Pois penso que van ser maneiras democráticas. É o que hai que agardar dun partido democrático, sen os antecedentes e sen a xenealoxía do que foi botado do poder, ese que tan malas maneiras adoitaba, dentro e fóra. É certo que, aínda sendo democrático o partido que agora vai gobernar, foi de sempre un partido centralista, como era o seu fundador, e só as novas realidades dos novos tempos lle fixeron ir endereitando o seu rumbo cara a unha España plural, por máis que esta realidade fixo renxer as súas cadernas. Cando se sabe debuxar unha política realista, como maiormente se fixo en Cataluña, a realidade imponse sempre. Cando non se impón é se a política que se fai queda lonxe do sentido común, ou se fai de maneira que non merece respectabilidade, ou cando se fai contra outros. Porque entón non facemos política senón que creamos alucinacións. Aí están ben á vista os resultados de alá e os de acá.