A DEMISIÓN do adestrador do Celta, Radomir Antic, resulta sorprendente: ten a estrañeza de que un adestrador demita voluntariamente, sen que sexa cesado pola directiva do club. Efectivamente, estamos afeitos a que en momentos de crise os clubes opten por cambiar de adestrador, coma se eles fosen os únicos responsables. Hoxe os adestradores teñen que exercer de magos do fútbol para salvarse. Esíxenselles resultados inmediatos e nin sequera se lles conceden eses cen días de gracia na valoración do seu traballo dos que se benefician os políticos. Os equipos directivos dos clubes (que son os que elixen adestrador, os que realizan as fichaxes, os que presionan aos xogadores e, sobre todo, os que trazan as directrices das liñas empresarial e deportiva) case nunca renden contas do seu traballo. Coa directiva intocable, o adestrador é o cha-cha-chá e a culpa sempre é súa. Agora, a demisión de Antic focaliza os problemas no club: o adestrador declárase incapaz na conxuntura actual e é o club quen debe abordar a solución dos problemas nun momento crítico; a súa renuncia redirixe a crise desde as bancadas ao propio estómago de xestión do club. Actualmente, o espectáculo do fútbol é o centro da maior manifestación popular de irracionalidade, con todas as avantaxes e inconvenientes que iso supón. E a súa influencia social é tan grande que o fútbol interfire de forma habitual no campo da política. Como di o lema, o Barça é máis que un club. As estructuras e os comportamentos dos clubes teñen cada vez unha maior compoñente política. O presidente do Celta, Horacio Gómez, pretendeu dar un frustrado salto á política desde a presidencia do seu club. Tamén o fixo Lendoiro, desde a presidencia do Deportivo. E o ex alcalde vigués Ventura Pérez Mariño viviu horas de dura controversia social cando decidiu enfrontarse aos intereses financeiros do club celeste. Este mércores, a directiva do Celta vetou a un medio de comunicación por desacordo coa súa política informativa. Os clubes actúan xa como o poder político que son. Manexan orzamentos millonarios e, por suposto, xogan ao xogo da especulación urbanística. Sen dúbida, os clubes están moralmente corruptos. E cara á galería, precisan un cabeza de turco. Como os xogadores son estrelas intocables, engreídos no seu propio papel, o adestrador acaba sendo o centro das iras.