Algo vai pasar

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

AS FICHAS xa se están movendo. Galicia non o vai ter fácil. Durante a Segunda República, cando os procesos de elaboración e entrada en vigor dos estatutos de autonomía, e despois, durante a transición política (1976-1980), cando o deseño do chamado Estado das Autonomías, os cataláns e os vascos ían bastante máis adiantados ca nós. Ou por libre, segundo se mire. Activadas ambas as dúas nacionalidades pola existencia de forzas políticas propias, o seu papel nos respectivos procesos históricos foi de suxeito e, ao mesmo, motor de empuxe, ás veces incluso rebordando os tímidos e moito menos arriscados planteamentos dos grupos que dominaban o Parlamento Español. Cando a República, as forzas minoritarias do galeguismo non lograron, ata a alianza da Fronte Popular (1936), unha acción concertada suficiente como para conseguir das Cortes o recoñecemento dos dereitos políticos que aquela Constitución permitía: o plebiscito dunha carta autonómica similar á dos cataláns e os vascos. Na Transición Política, ese feito histórico (a existencia do estatuto republicano) concedeu a Galicia a consideración de «nacionalidade histórica», suxeita á recuperación dos seus dereitos (aínda que non se formulase exactamente así), malia non termos daquela representación nacionalista nas Constituintes de 1978. A UCD e un sector importante do PSOE intentaron pactar no seu momento un estatuto de segunda para os galegos, o que significaba parar ou encarreirar cara a un teito distinto (de menores competencias) o proceso autonómico que reivindicaban as restantes rexións do estado. Galicia, a terceira nacionalidade histórica, actuaría así de tapón das outras, moi principamente de Andalucía, que empuxaba con forza. Foron as xornadas da «aldraxe», co país movilizado a prol da dignidade histórica e un importante sector da intelectualidade galeguista (Realidade Galega) pronunciándose por un tratamento non inferior ao vasco e ao catalán. Galicia non perdeu o paso daquela. ¿Qué vai suceder agora? A nova lexislatura anuncia, entre outras cousas, unha posible nova refinición do Estado. Non será doado, pero o debate está enriba da mesa, novamente activado pola iniciativa dos vascos (o Plan Ibarreche) e dos cataláns (o goberno tripartito) que non queren perder a oportunidade. O novo clima de diálogo que o goberno de Rodríguez Zapatero anuncia, confirmado na recente configuración das mesas das dúas cámaras, debería facilitar a apertura dun novo proceso que, vinte anos despois da Constitución do 78, permita a revisión da mesma e acaso unha nova organización territorial de España, arestora enmarcada no concerto de intereses da futura Constitución Europea, cuestión capital que tamén está aí e que nos afecta a todos moito máis do que se pensa. O que se faga (o que se poida facer) deberá facerse tamén coa UE, que anuncia asemade a súa ampliación de 15 a 25 novos estados membros. Son moitas frontes abertas ao mesmo tempo. ¿Qué forzas obxectivas ten Galicia para non ficar desta vez descolgada do proceso? O estancamento do BNG, que planteou a súa campaña nesta dirección: conseguir unha representación nacionalista capaz de reforzar os intereses nacionais galegos para non quedarmos fóra de xogo, debilita a nosa posición e, ao mesmo tempo, pon nas mans dos parlamentarios do PsdeG-PSOE a principal responsabilidade do que aconteza nos próximos catro anos. Unha política obstruccionista e á contra por parte do Partido Popular sería moi negativa ao respecto, e este é outro factor a considerar. Os intereses galegos non son necesariamente idénticos aos dos vascos e cataláns. O mimetismo mecánico que demasiadas veces se ten establecido entre uns e outros, máis nos descolocou que nos centrou neste debate. Pero a cuestión de fondo (a capacidade para dispoñer de recursos eficaces de autogoberno, consonte o que se decida no conxunto do Estado e no marco europeo) é vital para o noso futuro. E unha vez máis chegamos a remolque e co paso cambiado.