PODE moi ben que a esquecida guerra de Sudán se internacionalice e se converta na guerra do ano 2004. Non é só unha guerra entre islamitas e cristiáns, senón tamén unha guerra na que teñen intereses países fronteirizos, xunto cos EE. UU., que armaron a países veciños, e Irán, que axuda ós islamitas sudaneses. A guerra actual encirrou as tensións tribais, promoveu conflictos entre grupos e polarizou as diferencias étnicas, destruíndo formas indíxenas de poder e de resolución de conflictos baseadas na autoridade dos xefes e dos patrucios. E a política de desprazamentos converteu os «campos de paz» en campos de concentración. O país ten grandes riquezas naturais. Irán, EE. UU. e Exipto, por diversos motivos, teñen intereses en Sudán. Irán leva apostado moi forte por este país rico que vive na miseria. EE. UU. teno polo segundo país exportador do terrorismo mundial. E Exipto non esquece que boa parte da súa auga depende de Sudán. Intereses, entre outros, que ben poden xustificar a gran guerra deste ano.