UN ANO DESPOIS de que José Couso fora asasinado por querer contarnos as mentiras da guerra, o Iraq converteuse no polvorín do mundo. A guerra máis que rematar está empezando onde naceu a civilización, onde as tres relixións do Libro -xudeus, musulmáns e cristiáns- situaron o Paradiso. A ocupación, iniciada coa desculpa de rematar co terrorismo, serve precisamente para alimentalo. As tropas españolas deberán volver de onde nunca deberan ter ido pero esta guerra, nova na forma e no fondo, seguirá e compre recoñecer a súa realidade. A nova guerra é este terrorismo global que obedece a fondos problemas, como todas as guerras. Nunca na historia as xentes se mataron sen motivo. Combater este terrorismo esixe coñecer as súas causas e abandoar esa necia consigna aprendida de que todos os terrorismos son iguais. Só se parecen en que queren causar temor e inseguridade. O de Al Qaida, que está a conseguilo, ven alimentado pola de- sesperación, polas novas posibilidades da tecnoloxía e polo crecemento das cloacas dos Estados e das súas operación ilegais nos últimos trinta anos. Non é un conflicto de civilizacións porque non hai nada de civilizado na invasión do Iraq nin nas accións de terroristas fanatizados ata o suicidio. Fronte á lóxica da equidistancia está a da civilización islámica, cristiá, atea islámica ou atea cristiá. A invasión do Iraq foi un erro de envergadura que, como pronosticara aquela ministra de Blair, converteu ao trío das Azores en sarxentos de reclutamento de terroristas. Era sabido que non é a vella guerra de ocupación do territorio a millor resposta contra a web de Bin Laden. A invasión nutriuse dunha lóxica tan antiga como o Imperio Asirio: a da guerra como demostración de poder e forma de negocio. Os neoconservadores estadounidenses, con Rumsfeld e Rice á cabeza, son máis primitivos do que parecen. Liberados dos límites da guerra fría do século XX, actúan coa lóxica do século XIX, a do destino manifesto a escala planetaria. Ao cabo estase a descobrer o que sabe calquer rapaz: que no actual mundo global e tecnoloxizado non hai fronte nin retaguarda, nin territorio que escape da rede. O novo terrorismo susténtase no uso perverso da técnica e a innovación, ten como alimento o diferencial de riqueza e a inxustiza das relacións internacionais, como desculpa histórica cincuenta anos de impunidade israelí contra os palestinos, como motivo simbólico a mística relixiosa. É insultante denominalo terrorismo islámico porque Islam significa paz. Pero Al Qaida basea as súas accións na capacidade de dar resposta dramaticamente eficaz á desesperación de parte da xuventude musulmana do mundo. Walter Benjamin anunciou xa esta forma de guerra como só saben facelo os intelectuais xudeus, ao interpretar o Holocausto como o uso da técnica para o xenocidio e a eficacia do Estado moderno o servizo da degradación moral. Despois, o terror nuclear confirmaría a súa sospeita de que o século XX podía ameazar o progreso moral mentres mantiña o progreso material. Hoxe confírmanse os seus peores temores.