Talento

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

20 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O EXERCICIO político acostuma poñer palabras de moda. Hai uns anos andivemos na vida contemplativa: o goberno «contempla» isto ou aquilo, repetían. Diríase que os políticos deran en místicos. Neste momento a palabra clave é talante, unha maneira de ser, reflexada no semblante de ZP, que vai cambiar a vida parlamentaria. Ben está, as boas maneiras son importantes, pero cómpre facer algunhas precisións. O xorne do actual presidente destaca por contraste co despotismo do anterior, plasmado no rostro inexpresivo, na mirada torva, na rixidez do xesto, na carencia de vocabulario, de facilidade de palabra. Un home escuro, carente de sentido de humor. Pero, o seu xesto adusto pódese interpretar tamén como unha máscara para camuflar a inseguridade ou para disimular as mentiras que contou para que o exército español participase nunha guerra ilegal. Ou sexa que, máis alá do carácter, o talante sinala a intención. Se ZP ten outro talante é porque tamén ten outra idoloxía. Se vai dicir a verdade e cumprir as súas promesas non necesita poñerse unha careta de cartón; de guiarse por firmes criterios contra os adversarios, no precisa velar a expresión dos seus ollos. O seu plan de goberno é ambicioso e supón unha renovación total da vida pública que, máis alá de talantes, está completamente deteriorada, así como as relacións internacionais. As melloras propostas tratan de impedir a desigualdade, tanto no aspecto económico como social. Crear emprego estábel; combater a especulación; facer un uso racional dos recursos naturais e respetar o protocolo de Kioto; mellorar o ensino e considerar que a educación é o máis rentábel para un país; promover a investigación científica e enfrontarse á «maior vergonza nacional neste momento», segundo as súas palabras, que é a violencia de xénero. A súa postura contra a discriminación das mulleres queda plasmada na paridade no goberno. O plan de ZP é esperanzador para toda a cidadanía. Para levalo a cabo, ademais de talante, necesita talento.