A ESTREA no Círculo de Bellas Artes de Madrid dunha obra que critica a educación nos colexios relixiosos na posguerra orixinou unha polémica que considero oportunista e falsa. A peza en cuestión titúlase ¡Me cago en Dios! , expresión que, ademáis dun exemplo de zafiedade e mal gusto, é, sen lugar a dúbidas, unha blasfemia. As autoridades eclesiásticas pediron que se retirase do cartel por eso, e por atentar contra os sentimentos relixiosos de moita xente. Por outra parte, un conselleiro de Cultura declarou que o Círculo seguirá gozando da subvención de Goberno rexional, pero que o diñeiro público non debe empregarse en obras que firen os sentimentos dunha parte da poboación. O autor e o portavoz do PSOE, Rafael Simancas, interpretan estas reaccións como exemplos de represión inquisitorial e acción «culturicida», e algunhas asociacións de escritores están de acordo con eles. A min paréceme que quen atenta contra a cultura é o autor e os que movidos por intereses económicos e políticos lle rin a gracia. Convén recordar que Azaña escribiu unha demoledora novela contra a educación relixiosa á que lle puxo por título O xardín dos frades . E que Pérez de Ayala chegou incluso a dar o nome dun frade pederasta na súa obra A. M. D. G. , que leva por título as iniciais da máxima dos xesuítas Ad maiorem gloriam Dei . Son dúas obras verdadeiramente duras que non necesitaron da blasfemia directa para facer unha crítica implacable da institución, e que manteñen a dignidade literaria. O autor e os que o gaban deberían recordar o caro que lle saiu a Salman Rushdie o ataque ó Islam nos seus Versos satánicos . Que os bispos pidan a retirada da obra é a reacción lóxica e civilizada dun colectivo que se sinte atacado. O autor pode estar satisfeito. Antes do escándalo, a sala onde se representa estaba medio baleira; agora faltan localidades, magnífico resultado para unha obra rudimentaria e tosca, que, se non fose polo título, tería pasado polos escenarios como merece: sen pena nin gloria.