Nostalxia da URSS

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

NON ERA tan utópica como hoxe vemos eso da igualdade querendo gobernarla. Mantivo ao mundo en xaque durante 75 anos, tivo influencia en todo o planeta e aínda hoxe deixou pegadas moi vivas. Frente a Rusia fracasou Gengis Kan e Napoleón, e un Moscova soviético paroulle os pés a Hitler, e a Rusia soviética cercou no 1942 ao exército alemán perto do Volga e, posiblemente, salvou ao mundo do nazismo ao impedir que cruzaran o río e chegaran ao petróleo do Caspio. Cando remata a II Guerra Mundial, Rusia adiantou deica chegar á metade da Europa occidental. E Churchill e Roosvelt se plegaron a negociar con Stalin en deterioro da Unión Soviética. O mundo occidental tivo que modificar o seu comportamento social coa primeira medida tentando evitar unha confrontación de clases. Mais o capitalismo aínda acumulativo do mundo occidental pode ser un sistema inxusto pero non lle falla intelixencia e conoce ben as debilidades humanas. O seu gran invento foi a sociedade de consumo, que coa axuda da ciencia e da técnica, en base do recurso do petróleo, poido crear este mundo da opulencia no que disfroitamos ou non que nos estamos afogando: darlle aos humáns todo o que lles apetece, unha certa liberdade de sexos, normais e anormais, melloras salariaes, que en parte son reintegradas a quen as concede mediante impostos que se pagan principalmente na compra de productos, cuia fabricación en grandes cantidades, con aumento da productividade, cubrirá a demanda de satisfacción de desexos mais que de necesidades, ocupando o sector principal o automóvil, que hoxe nos atranca as estradas e rúas e en menor medida o transporte colectivo aéreo e terrestre. Este escaparate occidental impresionou sobre todo a xente moza da Unión Soviética. Logo metéronlle o mundo do pop, e as colas... e esa suposta liberdade do mundo occidental en contraste co anquilosamento dos homes e da estructura dun réxime pouco aberto á crítica e ao cambio, rematou descompoñendo á URSS. A miña nostalxia de aquela Unión Soviética, que pouco lle fallou pra durar un século, anda, primeiro, por aquel mundo intelectual que acompañou á revolución que xa trunfante dou lugar nos primeiros anos á formación deses institutos nos que traballaron xuntos inxeñeiros, arquitectos, artistas, sociólogos, poetas... pra deseñar os productos dunha situación histórica nova (do que tomou bo exemplo o mundo occidental pra incorporar ao deseño da sociedade de consumo) que polos anos 30 xa fora prácticamente desbotado na URSS pola burocratización dos sindicatos e dos organismos estatais, invadidos sempre polos peores que son os que máis abundan. Tamén lamento que se poda ter perdido aquel magnífico poder científico-industrial-militar que de manterse hoxe a humanidade non estaría como está empantanada no Oriente Medio, asustada de que o crudo ande polos 37 dólares sen rematar a resistencia dos iraquís, mentras está empezando a medrar o consumo en Asia, e poden empezar a ver por onde van a ir as cousas. No camiño do petróleo Dagestán, Chechenia e agora Georgia, ¿non andarán por ahí os da CIA instruindo? Algún profeta da catástrofe calculará a paciencia rusa e non esquencerá que Osama Bin Laden foi un discípulo dos institutos ianquis.