XAQUÍN LORENZO Fernández aprendeu de Cuevillas que a lingua era o noso escudo como nación e perseverou nesa máxima. Foi tan bo alumno que o seu afán galeguizador na Universidade compostelana, onde era dirixente da FUE, obrigouno a rematar a carreira en Zaragoza. Tivo bo mestre. Azares do meu traballo leváronme a coñecer o arquivo privado de Juan López Suárez, o padriño dos galegos para solicitar bolsas da J.A.E. no estranxeiro antes da guerra civil. Da extensa e selecta nómina de coñecidos galeguistas que lle escriben, o único que sempre redactaba as súas cartas privadas en galego era precisamente López Cuevillas. Deseguro foi aquel exemplo o que permitíu ao Xocas manter a súa humilde coherencia na longa noite do franquismo. A coherencia non é un valor supremo pero ten grande valor pedagóxico. A lingua foi un dos piares do Xocas, o outro a investigación da cultura material popular. Por ambos pódeselle atribuír ser un dos silandeiros construtores do galeguismo actual, non en termos estritamente políticos senón culturais. Non era político, orador, nin xornalista pero a súa investigación etnográfica, que é un dos poucos fíos intelectuais que enlazan a Xeración Nós co presente atravesando a Dictadura, tivo grande éxito popular. Del herdamos a forma de entender a identidade do país como conservación da cultura popular, da paisaxe construída por esa cultura e dos seus bens materiais. Tan popular que hoxe ata as churrasquerías e as novas tabernas son un xeito de museo que reproduce o do Pobo Galego de Bonaval por todo o país, con apeiros agrarios e de oficios ou vellas fotos de paisaxes. A súa etnografía, por ser popular, foi tamén alimento das novas formas de facer política. Un dos sinais de identidade do nacionalismo actual é precisamente debedor da obra daqueles etnógrafos. Non por acaso os feitos que exhibían os mozos nacionalistas dos inicios da Democracia eran precisamente mobilizacións vinculadas a esa forma de entender o país: Baldaio, As Encrobas, Xove. Quizá por iso o empeño no traslado da factoría de Ence da ría de Pontevedra segue a ser unha tarefa popular e non esquecida polo nacionalismo que goberna a cidade. Nestes días, sobre todo nestes de maio, todos os partidos galegos decláranse galeguistas. Fano porque o galeguismo posúe un potente e prestixiado atractivo social de evidentes consecuencias electorais. Tamén porque algúns galeguistas como Piñeiro traballaron para que «o galeguismo impregnara a todos os partidos». O certo é que sen o potente aval lexitimador do galeguismo ninguén puido gobernar aínda a autonomía galega e dificilmente poderá facelo no futuro inmediato. Por qué isto é así daría para moito enredar. Hai moitas formas de ser galeguista pero poucas de selo en termos políticos. Pode que o Xocas, que nunca se considerou político senón investigador, fora, sen querelo, un dos construtores dese galeguismo contemporáneo que é o nacionalismo. Cincuenta anos despois de afiliarse ao Partido Galeguista na República, o Xocas seguía declarándose nunha entrevista galeguista, do partido. Piñeiro, da súa mesma xeración, era deputado autonómico.