¿A que xoga Francia?

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

22 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FRANCIA oponse a que o galego, o catalán e o vasco sexan linguas oficiais na Unión Europea, onde xa o son o maltés, o lituano ou o gaélico de Irlanda. De conformidade coas constitucións dos respectivos países, estas son linguas oficiais ou cooficiais. Ningunha delas ten un vigor cultural que se poida comparar co catalán ou co galego. Como tampouco hai ningunha comparanza en número de falantes. Non pensamos que Francia estea dominada polas obsesións de Aznar, aínda que o pareza. Máis ben pensamos que esta actitude é debida a que, desa maneira, pensa que pode ir adurmiñando os seus problemas internos cos bretóns e cos vascos. Pero é moi claro que Francia está creando xa un espiñento problema onde non o había. E, ademais, unha situación inxusta (¿por que o maltés e non o catalán?) que non ten xustificación racional. E que vai dar lugar a situacións de radicalismo que calquera político merecente dese nome debe saber evitar. Entre eles o independentismo, única saída que deixa tanta cegueira.