PENSAN algúns, á vista da desfeita que está sendo a guerra de Irak, que EE. UU. está gobernado por incompetentes: incompetencia é islamizar o Irak laico, crear terrorismo onde non o había, continuar en Abu Ghraib as brutalidades de Sadam, levar a Irak a unha guerra civil e ao mundo enteiro á inseguridade do terrorismo. Pero hai algo aínda máis grave que se pode apoñer aos ditos gobernantes: que reproduciron e puxeron ao día actos tan noxentos como os que foron xulgados polo Tribunal Internacional de Nürenberg para os criminais nazis: crimes de guerra e contra a humanidade. E todo co silencio dos ben pensantes e as bendicións do señor Glucksmann, e outros. Pode que unha guerra tan inmoral nos estea levando ó peor: a aceptación pasiva da mesma, como se xa nos tivésemos esquecido da inmoralidade do seu inicio ou nos tivésemos acostumado á súa inhumanidade. Se así fora, a culpabilidade xa non sería tan só dos invasores. Sería de toda a nosa sociedade, que a estaría consentindo. Para a nosa vergoña.