Sorrindo con Kant

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

12 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

RELER certas pasaxes de Kant pode chegar a ser unha divertida aventura. Tiña esquecidas xa as súas tremendas páxinas contra as mulleres ou contra os negros, nas que nega a aquelas toda capacidade para a ciencia e as cousas profundas e a estes, sen contemplacións, calquera facultade espiritual. Algo que é lóxico en quen, segundo se conta, non coñeceu muller, e que, para máis, tiña a teima da orde, de maneira que nunca convidou a menos de tres amigos -número das Gracias-, nin a máis de nove -número das Musas-. Só lle faltou preferir a inxustiza á desorde, como, dende o seu Olimpo persoal, dicía Goethe. Cousas todas elas moi teutónicas. Algunhas páxinas de Observacións sobre o sentimento do belo e do sublime , hoxe, serían refugadas polo seu autor. Produciríanlle o mesmo desconcerto que a calquera un de nós nos producen. Pois a sociedade de 1764 era unha e outra é a nosa, cuns valores moi diferentes e cunhas referencias sociais e culturais ben desemellantes. Un plumífero de hoxe diría cheo de razón que Kant foi un reaccionario e un racista. Pero as obras do espírito son tamén fillas do seu tempo, non poden illarse desa realidade, e, para xulgalas con acerto, cómpre ter iso sempre moi en conta. Porque doutra maneira falseariamos a xenialidade dun dos filósofos máis fondos e orixinais de calquera tempo. Convén non esquecelo.