A DIMISIÓN de James Baker (o representante de Kofi Annan para o Sáhara) constitúe toda unha catástrofe política para a causa saharauí. A figura do político norteamericano (ligado ao goberno reaccionario de George Bush) non representa unha especial firmeza na defensa dos dereitos do pobo saharauí pero si un privilexiado negociador, polo que súa demisión significa o absoluto fracaso dos últimos sete anos de traballo. A capacidade de interlocución do seu sucesor (o peruano Álvaro Soto) co goberno americano (que é, en realidade, o que pode mover os fíos estratéxicos), sitúase moi lonxe da de Baker. Ademais, Soto significouse no goberno da ONU da man do ex secretario xeral Pérez de Cuéllar, que nos seus últimos anos destacou por solucións pro-marroquís. A dimisión de Baker deixa tamén ao descuberto a estratexia dun Zapatero que se declarou disposto, desde a mediación do seu goberno, a resolver o eterno conflicto coa máxima rapidez posible. Ora ben, a postura do PSOE gobernante está aínda chea de ambiguedades, malia que algúns pasos dados son, é certo, significativos. Nese sentido, do goberno Zapatero acaba de saír o primeiro Secretario de Estado español (Berlamino León, o brazo dereito de Moratinos) que pisa os campamentos de refuxiados. Pero, o curriculum vitae do PSOE con respecto ao Sáhara non é nada alentador; abonda lembrar que ningún outro partido mantivo relacións institucionais de tanta tensión e desacordo coa Fronte Polisario. En todo caso, o PSOE de ZP tería que facer un esforzo titánico para superar o fracaso de Baker e enfrontarse a un Marrocos co que acaba de restablecer as relacións, protexido por Francia e que é o novo «aliado preferente» da Casablanca. Este Marrocos, que se alegra, e beneficia, visiblemente da demisión de Baker, é agora un país xeoestratexicamente reforzado, que teima nunha negociación directa con Alxeria para seguir negándolle o seu recoñecemento ao Polisario. De aí intúese que a iniciativa española debe estar encamiñada a conseguir un horizonte de acordo cun período de autonomía e un posterior referendo de autodeterminación no que se exclúa definitivamente a posibilidade da independencia. Pero mesmo nun suposto tan desfavorable para os saharauís, a última palabra tena sempre Marrocos. E esa palabra é a que derrama todas as iniciativas, convertida nun auténtico frontón onde calquera intento de acordo rebota unha e outra vez.