OS EE. UU. asentan na corrupción a súa actividade imperial. Procurárona con Somoza, co réxime corrupto de Saigón e agora en Iraq, onde promoveron a Chalabi, o home de confianza para un proxecto que lles saíu furado, e despois a Iyad Allawi, case seguro home da CIA, ou máis ben sen dúbida. Como é natural, todo o mundo sabe desas situacións corruptas. E sábeno moi ben os iraquís, quen, ademais, sofren moi de preto a actuación das tropas invasoras que bombardean vodas pacíficas, nenos, mulleres e xente desarmada, ou que practican a tortura onde e como a practicaba Sadam Huseín. O recurso da corrupción, ó cabo, é o único que lles queda cando un país que se sinte invadido e humillado. Que Negroponte vaia agora de especial embaixador a Iraq, despois do seu pasado en Honduras, é un síntoma: como de costume, levará con el a corrupción ó país, onde xa está pasando o de sempre, o que sempre lle pasa ós EE. UU.: que se van quedar sós, eles e os corruptos. E de costas ó país real e ó mundo. Unha vez máis.