ESTE XOVES, na cidade iraquí de Samarra, morreron cinco soldados dos EE. UU., un axente de seguridade e algúns paisanos. E vinte soldados máis das forzas de ocupación foron feridos no mesmo ataque cuns corenta disparos de morteiro. O edificio con efectivos dos EE. UU. tivo que ser evacuado pouco antes de que se viñese abaixo. Tamén foi asasinado o mesmo día un antigo membro do partido Baaz ó voar unha bomba o seu coche. O que proba unha vez máis que a resistencia non só vai seguir, senón que todo indica que cada día está mellor organizada. Sabe atacar cando é oportuno facelo e, ademáis, mellora na súa contundencia. Iyad Allawi, un día antes, firmou unha lei de seguridade que lle confire moi amplos poderes para actuar contra os insurxentes . O primeiro aviso, ás poucas horas, chégalle dende Samarra. A súa política de ferro corre o risco de levar o país a unha última fase do caos en que a intervención militar o sumiu. A pena de morte e os estados de excepción pode que axuden a que o caos sexa maior cada día.