BAIXO UN paseo de árbores, no sur da cidade, á sombra das acacias e dalgunhas vellas tilleiras, está a casa de Frida Kalo, a misteriosa. Veño de visitar as pinturas de Diego Rivera no Palacio do Goberno: o gran fresco das escaleiras, a didáctica nacional, no que o pintor sintetiza e describe, escena por escena, a historia da nación mexicana, dende as raiceiras aztecas á revolución de 1910, incluida a súa elexía do marxismo, himno coral ás clases liberadas. Un mestre de secundaria guía os rapaces polas barandas do primeiro andar e vai apuntando os nomes dos protagonistas da historia alí retratados: Moctezuma, Hernán Cortés, a india Malinche, Miguel Hidalgo, Agustín de Iturbide, que consolidou a independencia en 1821, Madero, Benito Juárez o reformador, que separou a Igrexa do Estado, Maximiliano, o xeneral Santa Ana, Zapata, Pancho Villa, Venustiano Carranza... Os rapaces corren polas escaleiras, rebulen arredor do mestre, coma paxaros. No gran muro da dereita, a lenda de Quetzalcoalt. Na parede da esquerda, a loita de clases: Carlos Marx, Lenin, os grandes da revolución soviética... En 1929, o presidente da República encargou a Diego Rivera este descomunal retablo, de arredor de 400 metros cadrados, para que sintetizase a historia de México e o seu proxecto nacional. Os rapaces (e o mestre) len nel coma nun libro xigantesco. Ao pé do muro da esquerda aparecen Frida e máis Cristina, esposa e filla do pintor, acompañando ó movemento revolucionario e ensinando aos indíxenas os principios da doutrina nova. Pola tarde, cruzo a cidade para visitar a casa familiar, no barrio de Coyoacán, onde Frida e Rivera viviron xuntos tantos anos: o seu espazo particular, ordenado para os visitantes, pero que conserva aínda a aura máxica dos que noutrora o habitaron. A cama, pequeniña, recordoume a de Rosalía na casa da Matanza, cun mangadiño de flores enriba. Contra a parede, os corsés e as ortopedias cos que a pintora loitou contra a dor durante toda a súa vida, logo dun grave accidente de automóvil, moi nova aínda, que lle desfixo a columna vertebral. Sobre a mesa de traballo, a medio facer, o esbozo dun autorretrato. Máscaras, postais, recordos, libros... Fronte ao monumentalismo militante de Diego Rivera, fronte á retórica acaso un chisco excesiva do pintor, a intimidade dela emociona moito máis: viaxe interior, ó mundo das profundidades secretas, recreado nun expresionismo aparentemente naif, surrealista, hierático, que mesmo nos momentos máis vivos ten un aquel de natureza morta, un e outra comprometidos coas raíces da arte popular (coa identidade estética do seu país) para recreala, rescribila, trascendela. Disque Castelao, que tamén ensaiou o muralismo e admirou nalgún momento a nova estética da revolución soviética, coñecía ben a obra de Rivera e estaba interesado na capacidade didáctica da súa producción. Pero Frida é a que verdadeiramente impresiona, porque está chea de preguntas, coma Rosalía. As verdades (rotundas, contundentes, esmagadoras) son del (do home). Sospeito que iso é tamén o que máis rapidamente envellece da súa pintura. Demasiadas certezas. Demasiada monumentalidade, que acaba sendo teatral e, xa digo, excesiva. De Frida (a muller) son as preguntas, as soidades, as inseguridades, os medos, ese berro interior que nos asalta e diante do que non hai respostas, só o berro, a mirada acesa, bolboreta de luz, cruelmente atravesada pola punta implacable do alfinete.