Fogo no monte

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

17 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE HAI máis de cincoenta anos, ¡fogo no monte! era un berro que se ouvía moitas veces no verán. Digo que era, porque hoxe, que hai máis fogo no monte ca nunca, case non se oe. Cando se daba aquel berro, a xente saía das súas casas e púñase, cos medios máis elementais, a apagar o fogo e a salvar o monte, as tomadas, as bouzas... Diría que hoxe á xente non lle interesa que arda o monte. É unha razón económica, paréceme: antes o monte equilibraba moi ben a economía familiar, cousa que hoxe non ocorre. Por iso case ninguén se molesta en denunciar aos que prenden o fogo, moitas veces ben coñecidos de todos. O que dificulta a proba xudicial. Haberá que pensar niso, como tamén en promover a riqueza forestal procurando outras especies máis nobres, de máis rendemento e máis competitivas. Temos ben preto o exemplo de Navarra. Nin resentimentos nin fantasmas. A realidade está pedindo que a encaremos con intelixencia e non con sermóns. Porque aquí nada hai que inventar: ninguén se preocupa polo que non interesa.