A RECEPCIÓN de Zapatero ao presidente da Generalitat e compañeiro de partido, Pasqual Maragall, o pasado mércores na Moncloa, volveu encender a polémica en certos medios políticos e de comunicación, sobre todo na capital de España. Cuestión de símbolos: a bandeira española e catalana na porta do edificio; e cuestión de transferencias: a Comisión do Mercado de Telecomunicacións (CMT), por exemplo, órgano de arbitraxe e estímulo das novas tecnoloxías e da implantación da chamada Sociedade da Información e do Coñecemento, que anuncia a súa ubicación en Barcelona e deixa Madrid. Algúns comentaristas califican o feito de insólito e preocupante. Insólito porque non o conciben, nin o entenden, dende a súa perspectiva de Estado centralizador e excluinte (con epicentro nas cadeas de expresión mediática, que emiten dende Madrid), e preocupante polo que significa: máis poder para Cataluña, que son os ricos e, xa que logo, de pouco fiar. Maragall respondeu ás críticas advertindo algo que a estas alturas da historia deberiamos ter asumido, pero que está verde, polo que se ve: Cataluña tamén é Estado, e como tal quere participar activamente no deseño e na xestión do mesmo, porque Estado somos todos, non uns poucos; o Estado é unha realidade histórica e cambiante, non eterna; a súa realización moderna pasa pola integración real de cada un dos seus elementos e de cada unha das entidades culturais, espaciais, económicas e políticas que o configuran. Cataluña é unha delas. Igual que Galicia, Andalucía, Euskadi ou Extremadura. Nada muda tan lentamente como as mentalidades. Non é a primeira vez que o dicimos: a Constitución de 1978, que deu 25 anos de historia e progreso, arriscou tamén un planteamento novidoso na historia de España (o Estado das Autonomías) que en moitos aspectos ía bastante máis alá das mentalidades dominantes na sociedade española, sobre todo na súa aplicación práctica. Cuestión tan elemental como a «administración única», reclamada por Fraga máis dunha vez, fronte á custosísima coexistencia de administracións superpostas e paralelas, é un exemplo, entre moitos que poderiamos lembrar, como a configuración da infraestructura técnica para as televisións autonómicas, a explotación do NODO e outros arquivos históricos, etc. Xa non digamos concepcións máis audaces. Felipe II pensou seriamente en levar a capital de España para Lisboa, que era a gran porta estratéxica do Atlántico. ¿Que nos impidiría, intelectualmente, pensar (en estrictos termos de Estado) unha capital de España en Barcelona, por exemplo? Ou un modelo alemán, onde a capital política non é a capital financeira, por poñer un caso real. ¿Por qué ese escándalo diante da descentralización de institucións comúns coma o CMT? ¿Non é Barcelona Estado tamén? ¿Non pode aspirar a selo Vigo ou Compostela, en ámbitos específicos da súa competencia ou posición estratéxica? Aznar prefiríu dar marcha atrás e afirmarse no que no seu día algúns denominamos «fundamentalismo español». ¡Nin as transferencias constitucionalmente pactadas se concederon! Cada demanda, un agravio. A atmosfera acabou sendo irrespirable. Zapatero propón outra cousa: unha aposta pola imaxinación e a modernidade, no marco dun contorno político máis amplo (a Unión Europea), que nos debe obrigar a repensar moitas cousas. O importante é que exista un modelo, que se discuta, que se contraste, que se estude e que se explique. As improvisacións son terriblemente perigosas. Pero igual de perigosos son os prexuizos e os medos.