DEITADOS fronte ao mar, nunha desas terrazas nosas das rías, miradores da fin do mundo, o meu amigo e máis eu ollamos o reloxio, pendentes da hora da inauguración dos Xogos Olímpicos, que queremos ver pola televisión. O meu amigo traballa na televisión. Leva anos no oficio. Sobreviviu a varios shares . É un experto. Escribo a miña crónica dúas ou tres horas antes do acontecemento, coa esperanza de que todo discurra con normalidade e non teña que levantala a última hora por algún imprevisto. En 1962, deitado fronte este mesmo mar, Celso Emilio Ferreiro meditaba sobre a lingua galega, que era a súa maneira de reivindicar a realidade: «Eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero, e dame a gana...». Corenta anos despois, nós falamos da televisión. Todo está na televisión. Incluidas as Olimpiadas. E as nosas consciencias. Acaso tamén a nosa memoria, ¿quen sabe? «O mundo é un producto da televisión», sentencia o meu amigo, «eu xa non sei ver as cousas doutra maneira». Sospeito que á inmensa maioría das poboacións (utilizo o plural conscientemente, non só a poboación galega) lles sucede o mesmo, aínda que non o recoñezan. As cousas existen porque saen na televisión, e o que non sae non conta. A efectos prácticos, quero dicir. A efectos sociais. Ben que o sabe o poder político. Ben que o administra. Tiro do peto un retallo de prensa, asinado por Miguel Murado en La Voz (8 de agosto), onde se explica como un tal Vanderford manipulou un vídeo e fixo crer á opinión pública norteamericana que el fora un dos reféns decapitados polos iraquís. Ao final, resultou ser falso, unha montaxe. Pero colou. Durante un tempo, colou, porque a manipulación técnica era perfecta. Como colou a primeira guerra do Golfo (1991), tal como nola contaron dende a CNN, convertida en prodixioso espectáculo nocturno (incluídos os insertos para a publicidade). Como colou ou está a colar esta de agora... Cando rapaces, en Pontevedra, íamos ver o fútbol a Pasarón. Eran os tempos do hai que roelo . A xente apretábase nas bancadas e os que quedaban sen entrada ou non podían pagala seguían o partido dende fóra, escoitando os berros afervoados dos siareiros e os números do marcador. Manolito Verbenas, o meu curmán, asomaba pola baranda de Norte, que era a máis barata, e berraba: «¡Van apretando eles...!». Ou «¡Agora atacamos nós...!». A primeira vez que os rapaciños pontevedreses nos sentimos realmente importantes foi cando retransmitiron por TVE un partido do noso equipo. Alá fomos todos, á taberna das Tres Ventanas, a que nos fixeran un sitio, entre pipas de ribeiro e vello caíño. «¿Imaxinas que todo fose un invento?», espeta de súpeto o meu amigo, logo dun silencio. «¿O que...?», pregunto. «O Pontevedriña daqueles tempos, o de Pirelo e Cholo, Martín Esperanza e Vallejo... ¿Imaxinas a un Vanderford deses, que nos dixese agora que todo era mentira, unha andrómena tecnolóxica, un espellismo...?». Nunca se me ocurriu velo así, sinceramente. O problema da veracidade ou credibidade dos medios, quero dicir. Goebels manipulou as consciencias da nación alemana dende a radio nos anos 30. Stalin tamén o fixo. Huxley e Orwell, cada quen ao seu xeito, construiron as súas parábolas futuristas (a denuncia das sociedades totalitarias) apoiándose na forza poderosa e manipuladora da gran pantalla mediática. As democracias occidentais, moito máis sofisticadas, non resolveron o problema. O verán dá para estas (e outras) filosofías. Atenas luce as súas mellores galas na televisión. «¿Imaxinas que aquel Pontevedriña noso non tivese saído nunca na tele?», engade o meu compañeiro, cada vez máis asustado. «¡Nin existiríamos!».