25 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

VEXO ESTES días as Olimpíadas entregado á miña afición, que é seguir ós que quedan de últimos en todas as competicións. Cada quen ten as súas teimas, e eu alimento esta nunha páxina «web» dedicada a recoller os fracasos. É unha forma distinta de contemplar os Xogos na que as estrelas non son Phelps, Isimbayeba ou Ulmer senón Kzaja, último nos 3000 valas, o mergullador Justin Wilcock ou a africana Maria Conjungo. É un palmarés diferente, pero non menos glorioso, porque se a gloria de ser o primeiro está na singularidade, logo, por lóxica, ser o último tamén debe comportar algunha forma de gloria. Existe unha épica dos perdedores que merecería tamén a súa oda olímpica, aínda que non haxa ningún Píndaro para cantala. Unha oda quíxenlle escribir eu a aquel nadador ecuatoguineano Eric Mussambani, alcumado «a anguila», que en Sidney 2000 tivo co corazón nun puño ó público, non só porque chegou cando todos os outros estaban xa vestidos, senón tamén porque, non sabendo apenas nadar, a súa carreira foi un temerario desafío á morte. Unha oda, ou un epicinio, escribiríalle tamén ó afgán Wasiqi, quen na maratón de Atlanta, de 111 corredores chegou de 111, case dúas horas despois do 110, cando os carpinteiros estaban xa desmontando as pistas e os podiums. Nestes xogos, a competición está sendo furiosa: China, Uzbekistán e Grecia dispútanse a primeira praza en ser os últimos. Pero sempre hai sorpresas, como Robert Caraciolo, de quen se esperaba que quedase último en 1.500 e nos defraudou a todos, logrando quedar tan só de antepenúltimo. E é que o mundo dos perdedores non é menos apaixoante que o dos gañadores. ¿Alguén se fixou o martes no duelo entre a arxentina García e a alemana Spiegelburg, competindo ferozmente pola decimoterceira praza en salto con pértiga contra os outros once pertiguistas? ¿E na corredora irlandesa O'Sullivan, quen cos seus 34 anos e moi rezagada das outras competidoras, parecía unha nai corréndolles ás fillas para reñerlles? ¿E Brunei, que cun único atleta que participaba nunha única competición, logrou quedar de último? ¿E que dicir de Olga Shehukika, de Uzbekistán, que aínda que chegou de última, deu positivo nun control antidoping? Din que estas Olimpíadas están decepcionando. Pero iso o dirán os que viven obsesionados coas victorias. Para ós que seguimos ós perdedores, están sendo emocionantes.