30 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PARA CANDO saia este artigo vostedes xa saberán a sorte que poidan ter corrido os dous xornalistas franceses secuestrados en Iraq por un grupo extremista. Escribindo unhas horas antes, en cambio, eu vivo aínda no mundo no que non se sabe se vivirán ou morrerán. É estraño, escribir así, para lectores que saben a noticia que o columnista descoñece; pero así é: terán pasado entón as corenta e oito horas que deron de prazo os secuestradores para xustificar polo menos ante si o seu crime. Corenta e oito horas... É propio dos que non cren na democracia pensar que unha lei se poida derrogar en corenta e oito horas, neste caso a lei do velo, unha lei que é estúpida pero que a diferencia destes secuestradores non é criminal. Dos dous xornalistas conozo ben a un. Georges Malbrunot era un reporteiro free-lance en Xerusalén. Atopábao con frecuencia no American Colony, aquel fervedeiro de xornalistas, espías e diplomáticos. Era un tipo simpático. Moitas veces o vía tamén no Askadiniya, o restaurante dos cooperantes internacionais e dos xoves palestinos ricos de Xerusalén, sempre acompañado dunha muller fermosa e unha botella de viño. Repetía que ía marchar e establecerse en Londres, pero ano tras ano seguía alí. Entre a comunidade da prensa de Oriente Medio, Malbrunot era famoso precisamente pola súa ubicuidade. Estaba en todas partes. Bombardeaban os israelís o cuartel xeral de Arafat, e de alí saía Malbrunot, sorrinte; había unha manifestación de colonos extremistas e alí estaba el, non sabías moi ben por que, en medio dos oradores. Xa digo, era famoso por isto, e facíanos rir con estas cousas. No funeral de Hafez el-Assad en Damasco, se un se fixa nas imaxes, pode ver a Malbrunot infiltrado entre os ministros do Goberno, como o Zelig de Woody Allen, dando a man aos deudos. Dise que os xornalistas son as testemuñas da Historia. Eu non o creo, porque penso que a Historia só transcorre nos libros, non na realidade; pero se o son, Georges Malbrunot era, ou é, ademais de testemuña unha especie de figurante da Historia. Si, Georges lograba estar en todos os sitios. Desgraciadamente, nun xiro da sorte, acabou por atoparse nun mal sitio nun mal momento. Espero que tamén logre saír desta, pero non o sei. Vostedes si o saberán xa. Dirán que daquela este artigo non ten moito sentido. Pero si o ten: non é un artigo, é unha pregaria por un amigo.