A CONVENCIÓN establece que a patria da literatura é a lingua. Falamos de literatura galega e referímonos necesariamente a aquela que está escrita no noso idioma, expresión histórica da nosa identidade. Neste sentido, na convención da crítica, a literatura dun país é aquela que se escribe e produce na lingua do país. Dispoñer de idioma propio é unha riqueza obxectiva que non sempre valoramos, código universal no que a colectividade se recoñece a si mesma e se socializa arredor do seu propio discurso, tecido de emocións e intereses, soños e ideais comúns, tamén proxectos de futuro, que herdamos dos avós e transmitimos aos nosos fillos, e que nos dá un lugar no mundo, entre as identidades diversas da globalización. En gran medida, o discurso da lingua galega, a súa peripecia histórica, é a crónica do propio país. Curiosamente (significativamente) os momentos de plenitude coinciden cos momentos de realización plena do idioma (os séculos medievais), cando Galicia foi quen de desenvolver e pular a súa creatividade a través dese código propio, e outrosí: a recuperación da nosa identidade colectiva, que normalmente foi sempre acompañada da reactivación dos nosos recursos humanos, institucionais, culturais e económicos, coincide cos momentos de recuperación do uso e prestixio do idioma galego, historicamente castigado polos prexuizos e o discurso do dominio alleo, non sempre asumido polas clases dirixentes da nosa sociedade. ¿Onde situar, pois, a aqueles que, por circunstancias históricas ou por convicción persoal, utilizaron (e utilizan) outro código? A colección de Autores Galegos en Castelán que está a difundir estes días La Voz de Galicia volve poñer en primeiro plano unha vella cuestión, non sempre ben resolta, mais para a que cómpre ter unha resposta atinada. Hai unha Galicia que se expresa en castelán. Esta é unha realidade obxectiva. Valle-Inclán, Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Torrente Ballester, por citar só algúns casos notables, son escritores (e cidadáns) galegos. A elección de lingua é unha decisión libre, persoal, producto en moitos casos de variadas circunstancias. Igual que galegos eran tamén Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro cando utilizaban este idioma e produciron nalgúns casos obras de extraordinario valor. Non forman parte (os seus textos en castelán) do que nos cánones establecidos consideramos literatura galega. Pero as súas voces constitúen un patrimonio non menos valioso que sería paifoco (e ben pouco intelixente) ignorar. En moitos deles Galicia ten unha presencia capital, aínda que a opción que escollimos outros sexa distinta. A realidade histórica do noso país (que non é un discurso lineal, senón complexo) obriga a estas reflexións que nalgún momento excluiron, por prexuizos ou por resistencialismo, aportacións sobranceiras á nosa identidade. Son consciente de que en moitos sectores estas consideracións non sempre se entenden, nin se comparten. Pero hai que abordalas. Dende a madurez e dende o respecto a cada quen (non me gusta para estos casos a palabra tolerancia).