Defensa da intelixencia das ideas

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

24 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECE unha obviedade, ¿quen non está por isto?, aínda que se cadra habería que matizar o título. Depende de qué ideas falemos. A intelixencia, e outras destrezas, é un don que a natureza (ou a providencia) distribúe indiscriminadamente, non un ben en si mesmo. Cando escoito dicir, como algo positivo, que unha persoa é moi intelixente, pregunto sempre a servizo de qué está esa intelixencia, a servizo de qué intereses e qué ideas. Non toda intelixencia vai dirixida aos mesmos fins, nin aos mesmos obxectivos. Kofi Annan, secretario xeral da ONU, falou o pasado martes do perigo de degradación ou estragamento que, de continuar as cousas como van, pode empezar a sufrir o Estado de Dereito. O Estado de Dereito é unha conquista da civilización occidental e da Humanidade no seu conxunto. Sen ser un especialista atreveríame a definilo como un modelo de organización (e de civilización) fundamentado nos principios de convivencia e no respeto estrito aos mandados que regulan as leis. Principios democráticos de igualdade, xustiza e solidariedade, alicerces da cultura política no chamado mundo moderno. Coas súas contradicións, por suposto, mais tamén con horizontes claros: democracia e lexitimidade. As decisións dos gobernantes non son produto arbitrario da inspiración do momento, nin do capricho particular, senón que han responder forzosamente ás leis establecidas, fundamentadas na soberanía dos individuos e das institucións que os representan. Todo o contrario das ditaduras. O xogo ten as súas reglas, tamén na política, e deben ser respetadas. Fronte á razón da forza, derradeiro recurso, está a forza (insobornable) da razón e das ideas. O presidente Rodríguez Zapatero defendeu na ONU a necesidade de recuperar a iniciativa e a arbitraxe dos foros internacionais, seriamente danados nos últimos tempos, para facer fronte á situación en que estamos metidos. O milenio entrou coma un inferno. Abonda con ler os xornais. Hai dúas posturas: a dos que cren que só dende a forza pode combatirse (e controlarse) a situación, impoñendo a continuidade do modelo dominante (o imperialismo económico e militar dos países desenvolvidos fronte ao Terceiro Mundo, onde están as fontes de enerxía e as materias primas que alimentan o confort dos primeiros), e a dos que, acusados de idealistas ou inxenuos por aqueles, cren que a única baza posible é afrontar unha nova Orde Internacional, unha nova organización das relacións entre os pobos(unha nova globalización) que sexa quen de equilibrar e arbitrar os desaxustes existentes. Unha inmensa maioría da poboación mundial pasa fame. Mil millóns de persoas viven na máis profunda miseria. Menos do 20 por cento da poboación mundial explota o resto impunemente. Hai recursos, pero mentres uns viven sobrados deles, en África, en grandes espazos de Latinoamérica, en Asia, os nenos morren e os adultos arrastran a vida como poden. Antes estas cousas non se vían. Agora si. Vémolas nós e venas eles, os asoballados, nas televisións do mundo, que chegan a todas partes co seu comercio, e reaccionan dende a rabia e dende a loucura, dende a furia e dende a desesperación de quen nada ten que perder. ¿Inxenuidade? Dá espanto, e noxo, que non sexamos quen de entendelo.