Dous discursos

OPINIÓN

25 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AZNAR, na súa lección maxistral en Georgetown, non só inventou unha historia de España da que non tiñamos noticia, ao menos na interpretación tan de esguello que fixo, senón que tivo o pouco acerto de descoñecer a importancia da cultura árabe en España e o seu poderoso influxo na nosa convivencia civilizada. ¿Ou é que foi tamén terrorismo? ZP, pola súa banda, tivo o valor, nun mundo cego nos intereses e de máis que dubidosos pragmatismos, de propoñer un marco tan ideal para as relacións internacionais e para combater o terrorismo que confundiu a política coa moral. Un discurso anxelical, dixeron algúns; un discurso sen finalidade, dixeron outros. Pode que as dúas cousas. Non sei que pensarán nos partidos de cada un dos oradores dos seus contrapostos discursos, posto que un, no primeiro caso, pode suxerir unha idea perigosa de falsidade intelectual e o outro, no segundo, de quedar máis ben á marxe. Ningunha desas dúas mensaxes é cousa boa, nin para os partidos nin tampouco para o país. E menos para os votos.