Galego na escola

OPINIÓN

09 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NINGUÉN dubida ao día de hoxe do fracaso xeral do ensino do galego. Non outro resultado podía saír da teima de converter a lingua en asignatura e a de moitos profesores de facela importante a forza de suspensos, ou tamén asegurando que non teñen por qué ensinalo facendo de apoloxistas do seu uso. Teño para min que o novo Plano Xeral do galego recén aprobado sexa aínda moito peor: máis horas de galego, máis inspeccións, máis controles. ¿Pode alguén con sentido común soster que ese é o camiño para chegar a un uso social do idioma en situación de normalidade? Parece que a ninguén interesa -nin á Xunta nin á Academia Galega, que xa é dicir- ter unha idea das solucións que noutras partes se atoparon para situacións moi semellantes. Pouco é o que habería que inventar. Só recorrer ao sentido común, ese ben tan escaso entre nós. E a unha verdadeira vontade política, que non se ve por ningures, nin nos que gobernan nin nos que esperan facelo. E así van as cousas.