Náufragos

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

20 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

GALICIA parece un cadro de Turner: chuvia, vento colérico, tempestade. O mar está imposible. Os mariñeiros afirman que se pasa outro Prestige , tamén o tragamos. Porque as medidas de defensa de hai dous anos son as mesmas que este país ten agora. Por ese motivo golpeo frenético as teclas. Observando a portada de La Voz con políticos de cartel maiúsculo: Non á censura. Viva el circo. Uns silencian o que deben explicar e outros cartelean. E nós soportando esta democracia de cartonpedra, pesarosa, esclerotizada. Non creo na política como arte do bo goberno. En Galiza é mentira. Uns e outros só merecen a valoración que en realidade teñen: a peor (afirman as estatísticas de profesionais). Seguro que colocan a Shin Chan na lista e saca maior valoración que un político. Shin Chan parece máis sensato que moitos dos nosos próceres. Por exemplo o que afirmou que algúns se enriquecían. Os que calaron e non contestan. E, de paso, tamén aqueles que en vez de amosar brillantez e rigor político, levantan cartelito a lo Joan Báez: Non nos moverán. Y el Pita, que me produce miocardite cando fala. E Fragamán. E Touriño, e Quin, que ás veces nos (se) adormecen. Somos un cadro de Turner: un naufraxio. Maldita sexa.