25 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO, escoiteille ao ex-ministro Acebes que sentía «bochorno» polo espectáculo que estaba dando a selección catalana de hóckey sobre patíns na final da Copa do Mundo. Pero axiña me din conta de que non era porque os cataláns estivesen xogando fatal, senón precisamente porque ían gañando 6-0. Para o secretario xeral do PP estaba claro que ese encontro era o primeiro paso dun proceso soberanista imparable, e cada gol que marcaban os rapaces de Jordi Camps era outro cravo máis no ataúde da idea de España. O que se libraba en Macao, a ollos do don Quijote , non era unha alegre competición entre homes subidos a unhas rodas, senón a loita definitiva entre a anti-España e España (neste caso, inesperadamente representada por Inglaterra): Viriato, El Cid e Agustina de Aragón fronte a Companys, Mosen Jacint Verdager e Carod Rovira. E todo isto por un partido de hóckey, pensei eu. Imaxínense se chega a ser unha cousa seria de verdade, por exemplo fútbol. Claro que Acebes, no fondo, ten razón en que a cuestión é moi reveladora. Os deportes son simulacros das polémicas civís e no caso deste partido tamén podemos aprender algo da actitude de cada quen: da de Maragall, que volveu de Macao invicto e cun trofeo, e tamén da do propio Acebes, quen con estes arranques demostra que non lle interesan nin os votos da xente tranquila nin, desde logo, os dos afeccionados ao hóckey. Porque, coñecendo a Acebes, cabe pensar que, de ser el aínda ministro, o hóckey sobre patíns sería xa inconstitucional a estas horas. Non só sería ilegal xogalo, tamén presencialo, velo pola televisión, ler os resultados ou falar del. De contar coa súa antiga maioría parlamentar, Acebes faría sen dúbida aprobar unha lei para perseguir a cantos alentan ou financian este deporte, naturalmente sen facer distingos entre hóckey sobre patíns, sobre herba ou sobre xeo. Ata é moi probable que se vixiase por se acaso o uso público e privado de patíns, aos patinadores artísticos e ás nenas da Praza Maior de Lugo. E mesmo pode que esas leis adquirisen carácter retroactivo e alcanzasen ao gran Martinazzo, a Mickey Mouse, ao espectáculo Holiday on Ice , au ao Circo Ruso sobre Xeo. Os cárceres, xa o estou vendo, íanse encher de tipos patinando e os presos islamistas de A Lama ían quedar coa boca aberta.