ESTÁ VISTO que Aznar é home de teimas. Ferreño. E sen matices. Por iso mesmo, o menos político que un pode imaxinar. E segue co seu monótono fungar, agora co amplificador de Georgetown, aburríndonos a todos e deixando en fóra de xogo ao coitado do seu sucesor e ao partido mesmo. Non se decata de que ninguén, entre nós, pensa que se é antiamericano porque Bush e a xente que ten arredor nos dean noxo, nin hai quen crea que o Goberno socialista é o que xera antiamericanismo senón o propio Bush ou o mesmo Aznar. Cousa que dalgunha maneira pensa tamén a metade do pobo USA. Nin chega a ver que esta sociedade nosa, por sorte, é menos porosa ca americana aos infundios mediáticos, algo que debería coñecer moi ben pola experiencia do 14-M. Como tampouco se decata de que, dese xeito, vai converténdose en personaxe de viñeta ou en teleñeco , un porvir polo que vén traballando con teima -por máis que el pense que o fai como heraldo de Bush, o seu señor.