A CONSELLERÍA de Emigración e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) invítannos a Salvador de Bahía para participar nun foro de encontros bilaterais Galicia-Brasil. Alá imos. Apaño un autocar en Rosario, un avión en Eceiza, unha paradiña para transbordar en Río e chegamos. Desta vez case todos somos empresarios: profesionais do granito, a madeira, as telecomunicacións, o textil, a pesca, a alimenación, a cultura, as finanzas, o deseño... Seica é o terceiro encontro destas características que as devanditas institucións organizan. Os anteriores celebráronse en México e Venezuela. Trátase de poñer en relación o mundo da empresa e o comercio nas dúas Galicias posibles: a interior e a exterior, esa rede de relacións, influencias, emocións e afectos compartidos, ás veces bastante contraditorios, que os galegos de dúas e tres xeracións levamos polo mundo adiante. Tócame falar da cultura. E volvo coa miña xa vella teima: este dilema noso entre a Trabe de Ouro (a búsqueda do coñecemento, mesmo a risco de trabucarnos e bater coa Trabe de Alcatrán) e a Paxariña da Armenteira (a fábula da mansedume e a autocompracencia, pagada con subvencións, iso si, mentres duren). Entre as dúas extremas andamos. E temos que optar por algunha das dúas. Gustoume o que me dixo un empresario amigo ao rematar a intervención: «Está ben iso que dixeches. Hai que poñerlle alma á economía». Neste caso alma quere dicir vida, discurso, proxecto colectivo, ilusión, pulo: integrar a razón económica no corpo da razón social da colectividade. A cultura é a alma da economía. E ao revés: a economía, a producción, o traballo, o negocio (que non é incompatible co ocio) son o músculo necesario da cultura. Unha e outro precísanse mutuamente para existir e desenvolver as súas potencialidades. ¿Como establecer liñas de encontro e de colaboración (de mutua utilidade) entre estas dúas realidades ás veces tan arredadas? Nin os poetas viven do aire (fóra da realidade, como algúns pensan), nin a producción económica e a empresa teñen sentido sen unha misión (terminoloxía dos propios economistas), quérese dicir: sen un proxecto estratéxico que lle dea razón de ser social. As modernas teorías de dirección traballan nesta liña: equipos humanos organizados, con proxectos ben definidos, administración axeitada dos recursos, obxectivos claros, boa química de grupo, respecto entre os individuos que o compoñen, calendario de actuacións e, moi fundamentalmente, esa sensación (que ás veces é un salario en si mesmo) de que as cousas que facemos ou que conseguimos xuntos (en equipo) teñen unha razón de ser, unha lóxica social, unha utilidade para o colectivo, axudan a mellorar o contorno e fannos á súa vez mellores a nós mesmos. Volvo no avión lendo a Ernesto Sábato ( La resistencia ). Fala do ser humano e da televisión, da deshumanización do noso tempo, o esvaciamento do espírito, atordoado (alienado, diciamos antes) polas grandes máquinas mediáticas que nos absorben. O ser humano é alma e corpo, consciencia e músculo, razón e forza, materia e espírito, ese alento misterioso que nos fai distintos e que lle dá sentido ás cousas. A reflexión serve para as persoas, e serve para os pobos e as colectividades.