A bomba no Bernabéu

OPINIÓN

18 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO ESCRIBO este artigo -a metade de semana por razóns de viaxe- aínda non se sabe quen deu o aviso desa bomba inexistente nin cales foron as súas intencións. Descartada ETA, as posibilidades van dende a pura gamberrada ás rivalidades deportivas ou políticas, ou as dúas sumadas. Os políticos deberían medir moito o que din. Peticións como a de Carod-Rovira de boicotear a candidatura de Madrid para os xogos do 2012 pode levar a algún fanático a anunciar bombas en calquera espectáculo madrileño, producindo no extranxeiro a impresión de que sería perigoso celebrar aquí as competicións. Dada a rapidez con que a prensa británica se fixo eco da ameaza de bomba non cabe dúbida da eficacia desta especial forma de terrorismo, que ata agora resultou incruento, pero que pode provocar víctimas en calquera momento. Eu vivín hai anos na Universidade Complutense de Madrid unha situación deste tipo: tiñamos anuncios de bomba case a diario. As primeiras veces desaloxabamos, despois deixábase ao criterio do profesor, que ofrecía ós alumnos a posibilidade de abandonar a clase, e por último deixaron de dar creto as ameazas e non se anunciaban. Desa maneira acabáronse os anuncios de bomba, pero o risco é tanto que non creo que se deba recomendar esa actitude. Fronte a indigna conducta dos anunciantes da bomba -sexan gamberros ou fanáticos de calquer tipo- destaca o comportamento exemplar do público, que saíu ordeadamente, sen deixarse levar polos nervios, mesmo houbo algún rapaz novo que aproveitou a ocasión para facerse unha foto na portería do campo. E tamén hai que destacar a magnífica construcción dese monumento arquitectónico que é o Bernabeu, obra de Alemany Soler, remodelado para os Mundiáis de fútbol polo seu fillo Luis, a quen nunca lle acabei de crer o que os feitos demostraron: que os 70.000 espectadores podían estar na rúa en dez minutos. En fin, que o que puido ser unha traxedia acabou sendo unha mostra de civismo e de boa arquitectura. Noraboa.