DA COMENTADA comparecencia de Pilar Manjón no Congreso o que máis me chamou a atención foi o seu compromiso coa política. Expresouno ao longo da intervención ao expresar que esperaban os afectados dos parlamentarios e remachouno ao remate, cando lembrou que ela fora votar o día 14 sen recuperar aínda o corpo do seu fillo ou cando lles deixou claro aos deputados e deputadas que os consideraba os seus representantes, cunha mistura equilibrada de respeto polo seu labor e reclamación de que o acometesen atendendo ás expectativas da xente. Non pretendeu darlles leccións senon que lles reclamou que non defraudaran a alta estima que tiña a xente polo seu traballo. Cando se glosou a súa intervención esqueceuse que non falaba en nome propio senón dun amplo colectivo. Ela mesma explicou que o texto que leu fora redactado colectivamente, coas dificultades de quen non está afeito a ese tipo de intervencións e por riba respeta reverencialmente ao Parlamento como foro dos tribunos do pobo. A súa intervención pode pois considerarse unha expresión singular encol da relación da xente común coa política, con tanto valor como as análises demoscópicas e as interpretacións politolóxicas e co valor de carecer do filtro interesado ou a deformación interpretativa destes. Esta cercanía e interese pola política foi muito máis destacabel que os reproches tan comentados que non eran senón a expresión dunha forma de entender a representación política. Poucas veces pode coñecerse directamente o que os cidadáns anónimos pensan da política. A conclusión é que a estiman e agardan muito dela, en contra do que adoita pensarse. Os políticos, os cronistas e os sectores máis politizados -os escasos militantes dos partidos, por exemplo- adoitan crer que á xente non lle interesa a política e non pensa políticamente. Milleiros de entrevistas recollidas en traballos de historia oral evidencian o contrario respecto dos galegos e os españois do século XX. De certo que a xente común non fala tanto nin tantan veces ao día como os tertulianos, os xornalistas ou os que fan da política o seu oficio, pero pensan políticamente e valoran o interese que para eles ten a súa participación política por mui puntual que sexa. E demóstrano cando acoden votar, non alienados nin coaccionados, na súa inmensa maioría. Ou tan coaccionados e tan alienados que cando actúan como consumidores. A inmensa maioría da xente vive a política, en diferentes doses, pero non vive da política, aínda que lle esixe aos que si o fan que cumpran as súas arelas. E falan de política, xaora!. Uns, na tradición de esquerda, falan máis, outros menos, os que veñen dunha tradición de dereitas e do tempo do silencio pero saben o que queren e votan. Outra cousa é que na noite do franquismo se perdera a tradición de afiliación activa ou mesmo a de defender ideas en público. Isto pasoulle a toda unha xeración, tanto da dereita -menos- como da esquerda. E ese aparente desinterese foi transmitido aos seus fillos. Por se houbera dúbidas, Pilar Manjón demostrou que detrás de cada cidadán agóchase alguén que pensa políticamente.