CANDO rapaces, no barrio da miña infancia pontevedresa, antes de empezar a xogar botabamos unha chea de tempo dispoñendo as regras, as lindes do campo, as condicións de cada parte, mesmo os premios e as pandas, se era do caso. Se entraban as rapazas (sensibilidades distintas) a cousa era algo máis complexa, pero non menos excitante. As regras levaban tempo, ás veces case que eran o mellor do xogo. Había que discurrir solucións e dar coas voltas, calcular as posibilidades. Sabiamos que unhas boas regras eran a base da partida (de que a partida funcionase, quero dicir) e, unha vez discutidas e aceptadas por todos, entregabámonos incondicionalmente a elas. En realidade, sen regras non era posible xogar. Ás veces viñan os do Parador e querían impoñer as súas. Os do Parador eran máis ca nós. Tiñan o seu xeito. Eran máis fortes. Costábanos moitísimo convencelos. Metidos xa na partida, cada vez que lles ía mal, paraban o xogo e impoñían o seu propio regulamento. Non había maneira. O campo non daba para todos. Daquela, Xosé María Macías, que era un dos nosos, retiraba os currillos e os trompos e dicía: «Hai que falar...». Era un político aquel Macías. «¡Hai que falar...!». E falabamos, ata que nos poñiamos de acordo. Lendo o xornal, co que está a chover estes días, veume á cabeza a lembranza do Macías. Os xogos da infancia teñen moito de representación da vida adulta, e ao revés: a vida dos adultos (a sociedade) é coma un xogo, que funciona se se respetan as regras. Romper as regras significa estragar o xogo. Hai que falar. Para non acabar a pedradas, solución que algúns tamén propoñían. Máis de un acabou na Cruz Vermella coa cabeza aberta, por mor de semellantes desacordos. Total, ¿para que? Para volver encontrarnos ao día seguinte, no mesmo espazo, no mesmo territorio, obrigados de novo a pactar, a falar, porque o importante era o xogo. Sen o xogo non había vida. O gran éxito da Constitución do 78 (e os Estatutos de Autonomía derivados da mesma) foi o consenso histórico que a sociedade española no seu conxunto logrou establecer e asumir, con intelixencia e xenerosidade. Os últimos vintecinco anos, ollados coa perspectiva do tempo, constitúen sen dúbida un dos períodos máis proveitosos da nosa historia contemporánea, mesmo coas súas contradicións. Deberiamos ser capaces de velo. Certo que non hai realidades inmutables, que as sociedades son realidades dinámicas, sometidas a cambios históricos e de contexto. Igual que xeramos solucións, enfrontámonos tamén a novos desafíos e novas necesidades. De acordo. Pero a fórmula funcionou. Serviunos para dotarnos de recursos, institucións e formas de goberno que nos introduciron no século XXI enganchados na locomotora do progreso, entre as sociedades máis desenvolvidas do planeta. Se non aproveitamos máis eses recursos, se non soubemos profundizar máis nas posibilidades do modelo, non foi tanto polas carencias do mesmo, aceptando que as hai, como polas nosas propias limitacións e deficiencias. Falo de nós, os galegos. Os tempos vannos enfrontar a unha nova encrucillada: a posible reforma dos Estatutos de Autonomía, quizais tamén da Constitución Española, na construción do novo espazo europeo. Irremediablemente, unha cousa e outra van xuntas. Estamos obrigados a repasar as regras. Seguramente. Pero deberíamos asumir un principio que non sempre damos asumido, enguedellados nas guerriñas cativas: esta viaxe só será posible (e feliz) se logramos facela outra vez entre todos. Hai que falar. Paremos o xogo un instante, se é necesario. Pero hai que falar. Non na parroquia pequena. Tamén cos do Parador. Entre todos