Non á tutela

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

14 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DEBEN someterse a tutela os que non poden dispoñer libremente da súa persoa e bens, como os loucos, e outros. Dáse por suposto, presúmese, que todos podemos dispoñer da nosa persoa e bens, cousa que nos negou a xerarquía eclesiástica ao soster que non debemos votar a prol do Plan Ibarretxe. Pero monseñor Uriarte dixo moi ben que ningunha xerarquía eclesiástica pode atribuírse a tutela dos cidadáns, porque nin estes precisan dela, xa que se presume que poden dispoñer libremente da súa persoa e bens, nin tampouco está lexitimada para facelo sen incorrer no uso abusivo dunha facultade que ninguén lle conferiu. Naquela resesa liña eclesiástica están tamén os políticos da maioría, que unha vez máis están de acordo, e non sospeitosamente. Pero é moi natural: uns e outros teñen en común o medo ás intelixencias libres, á independencia de criterio, á intelixencia, ao cabo. Ben quixeran tutelarnos a todos como a picariños dun parvulario. Pero ninguén lles conferiu esa facultade. Nin lla imos conferir.