OS TRIBUNAIS ingleses e os americanos veñen refugando a lexislación antiterrorista dos dous países, sen contemplacións no caso inglés e non tanto no americano. A resposta xudicial ten sido clara dabondo ao declarar a nulidade total ou parcial da lexislación antiterrorista dos dous países. No caso americano parece empezar a lumbrigar a idea de que o resolto polo poder xudicial preocupa ben pouco ao poder executivo, pois segue adiante coas súas actitudes inquisitoriais na materia. E no caso inglés, aínda sendo moi diferente, houbo certas suxestións, cando o fallo ben radical dos Lores, aludindo vagamente a que xa se verá o que se fai. Mala cousa se dous países que tanto fixeron, ata agora, por perfeccionar os procedementos e as garantías xudiciais, empezan a descoñecer os fallos dos xuíces, e máis se o fan dende o cumio do poder. Pois se isto fose así, a nosa civilización, en moi pouco tempo, recuaría mil anos. Pero este risco pouco ou nada importa aos autoritarios. É un risco que nunca ven.