De Auschwitz a Guantánamo

OPINIÓN

29 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON VAI tanto treito como parece entre Auschwitz e Guantánamo -e os demais centros de tortura que hoxe hai no mundo, dos que sabemos moi pouco-: os dous supoñen a máis absoluta falta de respecto ao home e á súa dignidade, aínda sendo certo que un foi un campo de exterminio e o outro non, ou aínda non. Como dixo George Steiner, os homes «poden ler a Goethe ou a Rilke pola tarde, interpretar a Bach ou a Schubert pola noite e ir á mañá seguinte ao traballo cotián a un campo de concentración». Podíano facer onte os dirixentes nazis; pero poño en dúbida que o poidan facer hoxe os amos neocons do Pentágono. Simone Veil, o día 27, lembrando a liberación de Auschwitz-Birkenau, dixo que cómpre estar vixiantes non só coas forzas da natureza, senón aínda máis fronte ás loucuras dos homes -ese mal absoluto , o fanatismo, que ela padeceu naqueles campos de exterminio e que bule hoxe nas cabezas primarias dos neocons, donos tamén dun poder inmenso pero moi superior ao dos nazis. Vixiemos, se nos deixan.