Algunhas razóns para votar si

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A POLÍTICA non é unha relixión, senón a oportunidade de elixir en cada momento a mellor das posicións posibles, pensando nos nosos intereses (individuais e de grupo) e pensando no futuro. Nunha sociedade democrática, o político é aquel que nos representa (porque delegamos nel unha parte da nosa soberanía) e, como tal, establece en cada caso as liñas de actuación necesarias para avanzar na dirección deses intereses. Ás veces concordamos coa súa actuación e outras non. ¿Interésalle hoxe a Galicia empuxar positivamente a construcción da Europa que propón o tratado (non exactamente Constitución) que se someterá o próximo día 20 a referéndum? Pois creo sinceramente que si. ¿Interésalle ao nacionalismo galego ficar fóra, ou en posición de contrapé, no carril do discurso marxinal, nunha convocatoria destas características? Pois creo sinceramente que non, e que é un erro político (mesmo táctico) o posicionamento do BNG neste asunto que nos convoca. A tradición do galeguismo e do nacionalismo galego, agás contadas excepcións case que de carácter persoal, é profundamente europeísta, mesmo diría que esencialmente europeísta. Tal é a tradición dos federalistas do XIX: dende o iberista Curros a Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, dende Villar Ponte a Castelao e Plácido Castro, incluíndo o exilio e a resistencia do galeguismo interior... Aínda máis, e paréceme moi importante este punto: responder cun voto negativo á proposta de tratado que se somete a referéndum non significa, de ningunha maneira, estar contra Europa, moito menos ser antieuropeísta. Votar non, e así o advirten os seus promotores, significa simplemente non aceptar este documento, porque pode haber outro. Debemos supoñer que a proposta do voto negativo faise coa esperanza (ou a ilusión) de poder forzar a redacción doutro texto mellor. E aquí é onde, na miña opinión, o BNG se equivoca. Primeiro, porque nas circunstancias históricas actuais non parece que exista a posibilidade obxectiva dun texto mellor (de imprescindible consenso) e, se nalgún momento hai que mellorar o texto, sospeito que haberá que facelo dende dentro. Tal e como vén o discurso, mesmo dende 1945, a Unión Europea é un proceso en construcción, cada paso é o paso posible (consensuado), e é dende esa posibilidade como hai que entendelo. Segundo, porque -malia as carencias existentes- o documento consagra principios fundamentais de cultura política que interesa afortalar dende institucións activas e de referencia (que nos fan máis fortes). Terceiro, porque as cousas son como socialmente se perciben, e nas actuais circunstancias a sociedade galega no seu conxunto, que o BNG aspira algún día a dirixir, non é fácil que entenda estes matices a contrafío, «si, pero non...», que é no fondo o que se está a dicir, nun amoado confuso de intereses onde conflúen posturas moi diversas, cando non antagónicas. Cuarto, porque aínda hai pouco o mesmo BNG se presentou ás eleccións europeas con CiU e o PNV (o pacto Galeuzca), partidos non menos nacionalistas que piden o voto afirmativo: ¿u-la coherencia daquela alianza? Quinto, porque na dialéctica dos partidos, dicir agora que non, aspirando a futuras responsabilidades de goberno ou cogoberno, significa quedar fóra do carril dominante do discurso, co paso cambiado e atrás, instalados en posicións testemuñais de escasa operatividade. Sexto, porque na dialéctica da estragada orde internacional, co mundo a arder ao noso arredor, o discurso dunha Europa activa, democrática, plural e consistente (ou que avance nesa dirección) é unha vía obxectiva de esperanza.