POR DIVERSAS informacións sabíase que no ano pasado os EE. UU. botaron sobre Iraq unhas 127 toneladas de bombas de uranio retardado, equivalentes a dez mil veces a bomba de Nagasaki, noticia agora confirmada por unha publicación tan seria como London Review of Books , número do 3 deste mes. Non se entende moi ben que relación pode ver a señora Rice entre eses bombardeos e as súas ideas de democracia e de liberdade, nin por que estas chegan a producir Abu Ghraib e Guantánamo, vergonzas do noso tempo e ferreña negación da democracia, da xustiza e da liberdade. A quen tanto se lle enche a boca falando de democracia nunca se lle oíu falar a prol do multilateralismo nin de apoiar o Tribunal Penal Internacional. Democracia e liberdade, hoxe, e por moitas voltas que se lle dea, non se poden entender sen multilateralismo e sen un Tribunal Penal Internacional. Dous conceptos democráticos tan esenciais como aborrecidos por Rice e demáis compañeiros neocons . ¿Que conto nos veu contar á «vella Europa»?