«A outra»

OPINIÓN

19 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

¿POR QUE a xente odia tanto á muller con quen vai casar o principe de Gales? Sospeito que ese sentimento experiméntano sobre todo as mulleres, e que os homes non se atreven a manifestar simpatía cara a Camila por temor a ser sospeitosos de defender a infidelidade. Porque Camila encarna unha das figuras máis odiadas do subconscente feminino: «a outra», a muller que che rouba o home que consideras teu. Fíxense que ese estereotipo, «a outra», non ten correlato masculino. «O outro» ten un significado diferente: o extranxeiro, o de fóra, non o que lle birla a muller a un home. Cando a outra é mais nova ou máis guapa ou máis rica, a muller abandonada convírtese en víctima, papel moi socorrido e moi consolador polas simpatías que desperta. Se a outra é máis vella e maís fea que a muller legal, a cousa complícase porque algúns dan en pensar que algo de culpa terá a abandonada. Se non é a xuventude nin a beleza o que arrastra ao adúltero, quiza sexa que a outra ten mellor carácter e virtudes que fan máis fácil a convivencia, quizá sexa máis garimosa, doce, xenerosa, intelixente ou simpática que a dona legal. Con Camila esto non funcionou porque tiña fronte dela a Lady Di, a muller que mellor soubo representar o papel de víctima, primeiro dunha monarquía anquilosada e despois dun marido infiel. Non importou que ela, á súa vez, acumulase amantes e escándalos sen nengún recato nin prudencia e sen pensar no dano que estaba facendo aos seus fillos aireando daquela maneira a súa vida íntima. Todos os seus erros e debilidades e ata as súas maldades -que tamén as fixo- recaían unha e outra vez sobre Carlos e sobre a outra , a verdadeira causante de todos os males da eterna víctima. Morta Diana, Camila encarna «a outra» máis temida, a que fai dubidar do papel da víctima. O que as mulleres non lle perdoan a Camila é que despois de trinta anos o seu amante siga namorado dela, unha muller vella e sen atractivo físico. I é que, en verdade, iso é moi difícil de perdoar.