26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

MOI POUCAS veces, nunha literatura tan pobre e pouco orixinal como a galega dos nosos días -máis ben mimética e de moi poucos folgos- podemos atopar un libro intelixente, ben feito, ben escrito, obra de cultura e non eco de voces coñecidas, como Diario de comidas , de Rodríguez Baixeras. Poucas literaturas, penso, contarán con dous libros tan extraordinarios como A cociña galega , de Cunqueiro, e agora este de Baixeras. Por máis que se asemellen son tamén moi dispares. Os dous coinciden en que poden ensinarnos moito sobre este país e sobre nós mesmos. Pero cada un faino á súa maneira. Comer ben é moi pouco común. Penso que somos un pouco como comemos. E aquí, en Galicia, onde tanto se come, non se sabe comer. Cousa sorprendente cando se len libros como este de Baixeras, cheo de sabedoría da nosa cociña. ¿Que pasa entón para que, en xeral, non se saiba comer e teñamos nembargante unha cociña tan extraordinaria e orixinal como a que Baixeras nos revela? ¿Seremos tamén aquí, na cociña, un país que vai recuando?