PARA LER algúns libros non abonda con saber interpretar montóns de letras, cómpre ademais certa bagaxe cultural. Se a segunda condición non se dá poden aparecer todo tipo de anomalías, dende perigosos iluminados ata figuras máis cómicas como a xente que toma ó pé da letra O Código da Vinci . Outro exemplo, recente, témolo no Sr. Juan José R. Calaza quen, cal moderno Alonso Quijano, coa mente nublada por varios libros, califica ó físico Albert Einstein de «gran impostor» no seu artigo Einstein: un genio del plagio (La Voz, 15-03). Só un analfabeto científico pode falar así dunha persoa que fixo aportacións fundamentais na maioría das grandes áreas da física do seu tempo (electromagnetismo, mecánica, física cuántica, termodinámica, óptica, magnetismo...). A principios do século XX, en pleno debate sobre a existencia do éter, e á luz do experimento de Michelson e Morley (1887), que demostrou que a velocidade da luz é independente da velocidade de traslación da terra, H. A. Lorentz xa atopara a única maneira de cadra-las contas: supoñer que co movemento os corpos sofrían unha «contracción» de tamaño. Así, propuxo unha transformación que involucraba espazo e tempo, as coñecidas transformacións de Lorentz (perfectamente recoñecidas pola comunidade da física, Sr. Calaza, porque nós non lles chamamos «transformacións de Einstein»). Outro gran xenio, o matemático Henri Poincaré, tamén intuíra en 1904 que as leis da física non deben variar según o estado de movimento do observador (principio de relatividade de Poincaré), logo de considerar e perfecciona-la idea de Lorentz (por certo, nós falamos de grupo de Poincaré, e non «grupo de Einstein»). Con semellante lista de nomes só quero deixar patente que nos inicios da relatividade houbo varias persoas ás que se dá un posto na historia. Pero ó Sr. Calaza débelle quedar moi claro que a Teoría da Relatividade Restrinxida non son só as catro fórmulas, catro, das transformacións de Lorentz. Como o propio Poincaré se cheiraba en 1904 «debía existir unha dinámica enteiramente nova, caracterizada polo carácter insuperable da velocidade la luz». Pois ben, esa dinámica enteiramente nova, baseada nas transformacións de Lorentz (tal e como aparece reflectido ata na enciclopedia da miña casa) é a que elaborou Albert Einstein (e non Lorentz nin Poincaré) e da que extraíu tódalas súas consecuencias, incluída a equivalencia entre masa e enerxía (E=mc2). Vou maís alá, dado que Einstein arranca da teoría do electromagnetismo de Maxwell (lembremos que o seu artigo, totalmente autoconsistente, é Sobre a electrodinámica dos corpos en movemento). Einstein non dependía de datos de ninguén, o que xustificaría a ausencia de referencias a traballos anteriores. Tampouco David Hilbert é outro plaxiado, como está comprobado. É máis, o propio Hilbert non tivo máis remedio que recoñecer que as ecuacións de campo que obtiña estaban en «perfecto coa magnífica teoría da relatividade xeral» de Einstein.