TIÑA EU sete anos cando morreu o Papa Pacelli, Pío XII. A vida das persoas, a crónica da infancia sobre todo, constrúese sobre estas cousas: estampas fixas, que fican grabadas na memoria e son como marcos de referencia para medir o tempo. Hai que recordar como era a nosa infancia daquela, tan distinta á dos rapaces de agora (afortunadamente): a Pontevedra dos anos 50; as campás de Santa Clara e San Bartolomeu, San Francisco e Santa María, a badalar seguido; panos mouros nas igrexas; a radio a emitir música clásica... A miña tía Loliña, que ponía clases nunha pasantía humilde na costa do Rouco, reuníunos a todos nunha sala, grandes e pequenos, e botounos un discurso: morreu o Papa. Non lembro, sen embargo, a morte de Xoán XXIII, que xa me pillou mozo, cos aires renovadores do Vaticano Segundo, revolucionarios para algúns, e os debates entre cristianismo e socialismo, nin a de Pablo VI (1978). Non as lembro coa mesma intensidade, quero dicir, nin da mesma maneira. A de Pío XII si. Pío XII era o Papa da guerra (e da postguerra). Na casa, cando se referían a el, facíano con tanta sumisión e respecto que case daba medo. Isto de agora é outra cousa. As campás de San Bartolomeu transformáronse na voz dos locutores de radio, que seguen paso a paso, minuto a minuto, as cerimonias. O mundo axigantouse. A Pontevedra pequena da miña memoria é un gran portal de Internet, aberto ao planeta enteiro. Tres mil millóns de persoas seguen os actos a través da televisión. Trinta mil na praza de San Pedro. Catro millóns a desfilar diante do seu corpo exposto na capela ardente. Case douscentas representacións oficiais. ¿Cantas viaxes apostolóticas realizou Pío XII? Non o sei. No portal oficial da Santa Sede, o pontificado do Papa Wojtyla rexistra 104 desprazamentos a distintos países do mundo, nos cinco continentes, entre visitas oficiais e peregrinacións. As televisións competían onte polas audiencias, coma quen transmite un espectáculo. En certa medida é un espectáculo, do latín « spectare »: contemplar, mirar... As sociedades contemporáneas son sociedades de espectadores (ou de miróns, se queremos dicilo máis comunmente). O fenómeno relixioso existe, é unha realidade obxectiva, que afecta a grandes masas de poboación en todo o mundo, pero o destes días é outra cousa, vai moito máis alá: fenómeno social e fenómeno mediático. O mundo está nos medios (fundamentalmente na televisión). Nós, homes e mulleres que vivimos no mundo, contemplamos a realidade (espectamos) a través dos medios. Todos os analistas coinciden no mesmo: a cerimonia de onte, medidas as audiencias, contabilizadas as cadeas de televisión implicadas na retransmisión do acontecemento, cuantificados os xornalistas e os enviados especiais, foi o espectáculo mediático máis importante da historia (así o definen), por riba de calquera outro: a guerra do Golfo, as Olimpiadas, a morte de Lady Diana, o asasinato de Kennedy... ¿Frivolización? Non exactamente. É a crónica do noso tempo, a tecnoloxía do noso tempo, que nos envolve a todos e convirte o mundo nun pequeño espacio doméstico, unha especie de xigantesca sala de estar. Os vintesete anos de pontificado do Papa Wojtyla, o Papa galego, da Galicia polaca, constitúen no seu conxunto un intelixente e habílisimo exemplo de cómo aproveitar estes recursos (esta nova realidade) por parte da institución máis antiga do planeta. Esta foi (tamén) a súa forza.