NON DEIXA de ser unha ironía que Jalal Talabani suceda a Sadam Huseín na Presidencia de Irak, por dúas razóns: porque é kurdo -etnia á que sempre perseguiu e nalgunha ocasión gaseou- e porque, ademais, foi moitos anos un combatente destacado contra o tirano deposto. E tamén porque por primeira vez un kurdo dirixe un país árabe. Case se pode adiantar que a Talibani lle vai corresponder firmar a sentenza de morte do seu antecesor. Non vai ser unha situación de envexa, se temos en conta que, coma el dixo, respectará a «unidade nacional iraquí», pois cómpre «vivir xuntos e traballar xuntos respectado a igualdade de cada un, sen discriminación relixiosa ou étnica», e Sadam é sunita. Polo demais, e para que sexamos prudentes no tocante á democracia que din que vai haber no Irak, e concordia entre etnias, Ibrahim Al-Jaafari, xefe do Goberno e dirixente xií, xa dixo que, ao seu ver, no país debe aplicarse a lei islámica. E con el tamén o pensa máis do 70% da poboación. E, por suposto, Irán.