O Bloque en transición

OPINIÓN

AS RECENTES vicisitudes do BNG en relación coa designación de cabeceiras de lista para as vindeiras eleccións non poden entenderse no curto prazo destas semanas. Dende as últimas eleccións autonómicas hai catro anos, o BNG iniciou unha mudanza no seu liderado e a súa organización que mesmo viña de antes. As dúas últimas asembleas marcaron o camiño desa transición. Na da Coruña, na primavera do 2002, co establecemento dunha Executiva que substituía á antiga Permanente, concebida dende a fundación como unha coordenadora das forzas políticas da fronte nacionalista. Foi daquela tamén cando apareceu Anxo Quintana como coordenador da nova Executiva, dando principio a unha comentada bicefalia que anunciaba a saída que finalmente se producíu na última asemblea. Aquela mudanza apuntaba á posibilidade da substitución de Beiras como cartel electoral do BNG pero supuña tamén o inicio dunha reconfiguracion organizativa que semella estar a culminar. Pero houbo máis sinais de cambio que explican o que hoxe acontece. Producíuse entón a ruptura de Beiras co seu principal grupo de apoio, Esquerda Nacionalista e, por outra parte, fronte aos grupos empezou a emerxer a militancia non organizada en partidos coa presentación da candidatura dos non adscritos . Dalgún xeito ese Bloque a granel, que constitúe segundo os datos dun estudo do profesor Barreiro Rivas o 75 % do BNG, empezou a presentarse por primeira vez dende os anos oitenta como algo xenuino máis que como un satélite ou compañeiro de viaxe representado por persoeiros singulares. Na última asemblea, a de Santiago no outono do 2003, consumouse o máis importante da transición, coa substitución de Beiras por Quintana como cartel electoral pero tamén como voceiro nacional. Cuestión significativa por canto se sumaban en Quintana os dous poderes que ata entón residían en X. M. Beiras, convertido en presidente do Consello Nacional e polo tanto da organización. A decisión non foi unánime e a candidatura de Camilo Nogueira, público defensor da continuidade de Beiras, competíu democraticamente por encabezar a lista das autonómicas, mentres o grupo dos non adscritos apresentouse contra a lista encabezada por Beiras para a dirección e que contaba co apoio dos partidos. Á vez disolveuse dentro do BNG Unidade Galega, un grupo histórico do nacionalismo. O Bloque continuaba en transición. Todo o que aconteceu agora -mesmo o portazo de Beiras- estaba inscrito nese proceso de renovación. Non pareceu esta unha sucesión forzada nin delfinada, máis ben unha mistura entre confrontación democrática e mútuo acordo. Diríase que o BNG fixo as partillas en vida e, coma sempre, o irmán que as fai, se sabe facelo, pode converterse en novo petrucio. Nin Galiza nin o BNG semellan tan pequenos como para que non haxa necesidade e sitio para contar con quen foron referencia dos últimos corenta anos, sexan Beiras, Nogueira ou Rodríguez. O Bloque segue en transición.