PASOU O TEMPO pero non a lembranza de Nélida Piñón na Coruña, flanqueada por Freixanes e Seoane, atendida por un intenso ollar de Caruncho. Con potencia de Amazonas verbal, Nélida verteuse toda, delicada e pálida, na tertulia literaria. Chegou a dicir que A república dos soños fora escrita por ela para se preguntar quen é o Brasil, non que é esa nación case continental («un monstro creador de cultura» segundo Eduardo Blanco-Amor, a ollalo desde a Arxentina). A escritora insistiu en que os iberoamericanos están sempre a pescudar na súa realidade, na súa diferencia, e que o fan desde visións de xente chegada de fóra. Ela construíu unha catedral impresa partindo de criaturas familiares provenientes de Galicia. Coma ela, cada escritor que nesas terras transatlánticas se pregunta pode moi probablemente responderse con historias de inmigrantes europeos. No coloquio xurdiu unha cuestión: ¿Non é inxusto que as Américas veñan sendo definidas polos que se expresan á europea? A Piñón deu xiro ao discurso para introducir datos de erudita e describir a obra dun peruano que contempla o Grande Sur desde a óptica do imperio incaico (e pola mente de alguén que a escoitaba pasaron as paisaxes abraiantes do Inkañán , o Camiño do Inca, médula daquel imperio cruel que cruelmente destruíron os españois sedentos de ouro)¿ Voda e revoda. Logo da tertulia, cea; e seguiu a conversa torrencial da Nélida. Seguiron a república dos soños e os soños da república: dunha república federal na que as nacións españolas coubesen todas, igualitariamente. Na que os galegos existisen en fronteira totalmente derrubada con Portugal, e contasen coa língua que aproxima a Nélida aos grandes premios, mesmo ao Nobel. Pero son soños, soños que farían do portugués un idioma escolar na Galicia, rendible porque, con pouco esforzo, abre mundos en África, América e Asia. Soños que converterían en absurdo traducir ao galego a Nélida de Cotobade e do Brasil grandioso¿ Soños.