Fraga e Shin Chan

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

04 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

COMENTOUSE QUE un personaxe que saía moito na TVG exaltaba comportamentos violentos e pensei instintivamente: «Fraga e o corzo ese que matou a trescentos metros». Pero non era Fraga o presidente da Xunta galega, era Shin Chan o debuxo animado xaponés. E non só o acusaban de incitar á violencia, tamén de facer comentarios sexistas. Shin Chan, digo. A partir de aquí, a defenestración de Shin Chan foi tan fulminante e sorprendente como no seu momento a de Cuíña, cando todos pensabamos que ía suceder a don Manuel na Presidencia da Xunta (Cuíña, digo; non Shin Chan). O domingo pasado, creo que foi, un psicólogo da Xunta estaba pronunciando unha charla en Vigo baixo o ameazante título de ¿E que facemos con Shin Chan? Aproximación ós nenos e a violencia en televisión e tan só vintecatro horas despois a TVG xa sabía «que facer» con Shin Chan: de momento a serie pasa a emitirse en horario nocturno e cando acaben os capítulos que xa están comprados o pequeno rebuldeiro vólvese para o Xapón no primeiro avión que saía de Lavacolla. Había un problema e está resolto, como dixo unha vez alguén. Teño que recoñecer que a min non me gustaba Shin Chan, pero pola razón contraria á que aduce o psicólogo da Xunta: parecíame unha serie demasiado infantil, con ese humor escatolóxico dos nenos que, unha vez que nos esquecemos del de adultos, nos parece tan impropio deles. A eles, por suposto, Shin Chan entusiasmábaos, precisamente por ese motivo. Recentemente, unha enquisa electoral entre nenos de tres a oito anos no Reino Unido revelaba que, se por eles fose, non gobernarían nin Blair nin Howard senón Harry Pot-­ter. Pois ben, aquí, se votasen os máis pequenos, Shin Chan sacaría maioría absoluta ou, en todo caso, gobernaría en coalición co Xabarín, co PSOE e co Bloque. Por iso nas garderías de Galicia reinaba onte o desconcerto. Ó parecer, circulaba o rumor truculento de que mataran a Shin Chan (Isto é o que entenderon, os pobres, da lectura da información que publicou La Voz). «¿Quen o matou?» preguntaría angustiada Uxía, ou Antía, ou Lucía. E Xurxo, ou Brais, ou Kevin, responderíalle, con ese inxenuo confundilo todo dos pequenos: «Matouno Fraga». «¿E quen é ese?», volvería preguntar seguramente Uxía, ou Antía, ou Lucía. E entón Xurxo (ou Brais, ou Kevin), respondeulle seguramente: «O que matou o corzo a semana pasada».