Agustín Sixto Seco

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

08 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PRESENTE na lembranza dos seus amigos, o próximo xoves, 12, preséntase na librería da Rúa Nova, 16, de Santiago o Escalpelo Literario de Agustín Sixto Seco , editado por Ir Indo, cun limiar de Francisco Fernández del Riego e un epílogo de Bieito Ledo Cabido, quen o é todo na editora. Neste volume se recollen medio cento de colaboracións literarias, das moitas que Agustín publicaba nun xornal galego, enfocando temas de actualidade. Supoño que esta presentación vai ser un homenaxe multitudinario polo afecto que lle tiña o noso povo. Agustín Sixto Seco era algo máis que un doctor en traumatoloxía cun reconocido prestixio en todo o Estado. Para nós era o home que máis fixo por manter a vixencia da cultura galega en tempos ben difíciles da dictadura pasada, cousa que conseguiu levando o seu amor a Galiza sen pararse a ver que alguén non o entendese, o mesmo que aliviaba as dores dos seus enfermos sen importarlle como pensaban, fosen comunistas ou capitalistas reaccionarios. Convén recordar que Xosé Mosquera Pérez (o Vello dos Contos) iniciara polos anos cincoenta a súa preocupación por mercar a casa da Matanza onde morreu Rosalía de Castro. Uns doce anos dimpois o recordo en Buenos Aires, onde o atendimos, percurando que o Centro Galego o axudase a conseguer o seu empeño. Máis cando eu volvo da Argentina ao frente do lerio da casa da Matanza estaba Agustín Sixto Seco, que axiña a converteu nun santuario do galeguismo, e hoxe nun centro de investigación dos estudos rosalianos que preside Xesús Alonso Montero. E morto don Ramón Otero Pedrayo, Sixto levou a cabo a Fundación da Trasalba, con todo o explendor que ten adequerido. Coido que estas dúas fundacións lle teñen ocupado máis tempo que o que lle ocupaba a súa profesión médica. Con teimosía, e como se estivese en posesión da verdade, pedía e conseguía das autoridades as axudas que para el ficaban fora e toda dúbida de que estaba servindo á sociedade, servindo á nosa terra e á súa cultura. E cando viu que uns cantos exiliados e galeguistas quixeron facer o que é hoxe o Instituto Galego de Información, axiña se acercou a el para poñer o lombo e axudalo, polo que pasou a formar parte do seu consello de administración. Teño contado a alguén o xantar que celebramos invitados por Fraga, quen quería cambear ideas sobre temas de información e comunicación. Non era a primeira vez que don Manuel con Agustín ía ao Auditorio de San Marcos. Recordo cando unha actuación da mapuche Luisa Calcumil. Don Manuel entendía o problema da América Latiña -non hai máis que velo abrazado ao irmao de Fidel Castro- e a resistencia dos mapuches interesáballe. Mais a súa convida a aquel xantar tiña outros interrogantes en relación con Galiza. Entre outras cousas anuncioulle a Sixto Seco que ese ano quería concederlle a medaia Castelao. Agustín defendeuse con toda cordialidade dicindo que o pensaría, o que a Fraga non lle gustou pois non entendía o seu caso. E sen preguntarme ren a min, dixo: «Sei que Díaz Pardo non a aceptaría, pero vostede...» (don Manuel Fraga e máis eu conocémonos dende hai moitos anos. Temos vivido un mesmo tempo e tivemos que entendernos como bos amigos, deixando a un lado as diferentes ideas dos problemas condicionadas máis ben polas circunstacias históricas das que somos fillos). Logo disto se Agustín non cambeou de maneira de pensar, resultaría que os únicos vellos que non temos a medaida Castelao somos Agustín Sixto Seco e máis euo. E remato ao finar o papel, quedándome moitas cousas que gabar de Sixto Seco.