IGNATIEFF é director do centro Carr para os Dereitos Humanos da Universidade de Harvard, profesor, intelectual brillante e autor de varios libros, entre eles The lesser evil ( O mal menor ), que veu presentar hai pouco a España, do que deu ampla noticia un xornal moi progre da capital. É un libro que deixa a un perplexo. Por tramposo. As súas trampas son intelixentes, e aínda eruditas e ás veces brillantes, pero un debe rexeitalas por inmorais e contrarias a unha mínima decencia. E por respecto á humanidade. Porque á tortura hai que dicir sempre non, nunca ao mellor, a ver se neste caso, si pero non. É un mal, pero ás veces pode ser un mal menor -¿cando é menor e quen o decide?-; ás veces a tortura pode evitar un mal maior; ás veces pode levarnos a unha información esencial; os gobernantes, ás veces , afrontan graves problemas... e a tortura pode ser un mal menor. Para o señor Ignatieff, non faltaba máis, a tortura é infame, pero ás veces ... ¿Como pode ter o valor de dirixir un centro para os dereitos humanos?