22 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AS REACCIÓNS histéricas e acríticas de moitos medios diante dunha posible solución federal son as mesmas que hai un cuarto de século se produciron cando a discusión do modelo autonómico. Teñen hoxe a mesma vulgaridade e tan escaso contido coma onte. E quen non teña memoria que vaia ás hemerotecas. Con todo, algo ten cambiado: non nos atordan dende o Goberno con proclamas vougas sobre a «intanxible unidade da patria común» e demais linguaxe cuarteleira do réxime anterior e, tamén, das mentalidades deste que dunha ou doutra maneira perviven no presente. Esas e outras proclamas seguen hoxe, pero cada vez máis marxinais. Así, hai unhas semanas, un xornal moi coñecido propuxo que vai sendo hora de que nos abramos a un Estado federal. Non deixa de ter a súa importancia este feito. Porque é novo, tanto na traxectoria do xornal como no ambiente do país. ¿Será que despois de 25 anos nos imos civilizando? Non nos fagamos moitas ilusións.