A EXPERIENCIA que vou contar é verídica. Non lembro se foi na Feira de Frankfurt do ano 1989 ou no ano seguinte. Tanto ten. Un grupo de editores de distintas linguas e países reuniámonos para ver da posibilidade de elaborar xuntos unha Enciclopedia Temática Europea. Queriamos facer a enciclopedia dos rapaces e as rapazas do século XXI, cidadáns do futuro, cun espírito integrador que recoñecese o discurso da cultura e da identidade de Europa e, ao mesmo tempo, a riqueza da súa diversidade (tamén a súa dificultade). A iniciativa xurdira dos franceses da editorial Hachett, que nos convocaron, e alí estabamos españois (cataláns e galegos incluidos), italianos, alemáns, belgas, británicos (ingleses e escoceses) e polacos, un por cada lingua ou nacionalidade. Posteriormente sumáronse os portugueses, os holandeses e coido que os daneses. Ao final eramos un mundo e xente, mais cunha idea común: podiamos (e queriamos) deseñar un discurso integrador que axudase a elaborar simbólicamente, nas mentes dos mozos e das mozas do novo século, unha idea ilusionante e moderna dunha Europa en construcción que, sen renunciar ao futuro, tiña memoria. Esta idea parecianos fundamental: sen memoria común, sen a concreción dos necesarios elementos de integración para o recoñecemento dun pasado compartido por parte da cidadanía (deses rapaces e rapazas do século XXI, para os que queriamos elaborar a obra) non habería Europa posible. E ao revés: sen un proxecto de futuro que os ilusionase e se fundamentase nesa memoria, tampouco. Debo recoñecer que o proxecto non foi adiante. Naceu con moito entusiasmo. Pero pouco a pouco foi esmorecendo. Moi fundamentalmente por dous motivos. Primeiro, o excesivo protagonismo dalgúns editores que, considerándose a si mesmos máis fortes ou con máis proxección social e comercial ca os outros, dende o primeiro momento intentaron impoñer os seus modelos «nacionais» e estratéxicos sobre o conxunto. E segundo, malia o esforzo dos que puxábamos polo proxecto, polas diferencias de mirada e as moi distintas interpretacións que, curiosamente, a visión da Historia reflectía en cada un de nós. ¿Debía contarse o Camiño de Santiago dende Galicia (nós propoñiamos daquela a Serafín Moralejo como narrador do mesmo) ou era un «invento francés», como afirmaban os nosos colegas de París? ¿Merecía a presencia islámica na Península Ibérica un tomo (entre sesenta) ou debía contemplarse como unha anécdota no conxunto europeo, tratada ao mesmo nivel que as Cruzadas de Oriente? ¿Eran as batallas de Napoleón en España vitorias, como a versión francesa oficial dicía, ou derrotas, como aseguraba a española? ¿E a Segunda Guerra Mundial? ¿E a campaña de Rusia? ¿E a posición da Gran Bretaña...? Para resolver as diferencias e procurar un certo denominador común, os editores iamos determinando algúns tomos particulares, que elaboraríamos dende a óptica das distintas «identidades», para ver de salvar desa maneira o conxunto da obra: unha Enciclopedia Temática Europea para os rapaces e rapazas do século XXI. Pero a medida que afondábamos nas cuestións, viamos como as diferencias de perspectiva se ían axigantando, ás veces mesmo con auténticas mixiricadas, e algúns empezaron a non asistir ás xuntanzas. Alá quedou todo: en nada. Mañá, en Francia, van decidir sobre a Constitución Europea, onde hai moitas cousas que mellorar, pero onde falla sobre todo ese discurso compartido, un espazo simbólico necesario, común, interiorizado e suficientemente sólido por parte da cidadanía, que non se improvisa. E sospeito que imos perder unha oportunidade moi importane, case que xeracional, de poder construilo.